Estabilizado o incendio de Zamora, que ameazou con entrar en Galicia
O icendio de Hermisende, que entrou en Portugal, obrigou a elevar a situación operativa ao nivel 1 durante a fin de semana
A Xunta de Castela e León deu este martes por estabilizado o incendio forestal de Hermisende (Zamora), declarado de forma intencional hai tres días, na madrugada do sábado, nun municipio situado na fronteira con Portugal.
A mellora da evolución do lume permitiu tamén rebaixar ao mínimo a situación operativa dos medios de loita contra os incendios, despois de que durante a fin de semana se elevase ao nivel 1 pola evolución deste incendio e pola simultaneidade doutros lumes provocados por raios en diferentes puntos da comunidade.
A pesar da estabilización, este martes permanecen na zona unha vintena de medios, entre eles un técnico, tres axentes ambientais, sete cuadrillas, cinco autobombas, tres reténs de maquinaria e dúas dotacións de bombeiros.
No lado portugués, o incendio xa foi dado por extinguido, tras calcinar arredor de 1.900 hectáreas. Finalmente non chegou a entrar en territorio galego.