A Xunta convoca axudas para a rehabilitación de edificios municipais
Estas axudas van destinadas aos concellos de menos de 30.000 habitantes para converter os edificios que se rehabiliten en vivendas públicas de alugueiro accesible
O prazo de solicitudes abre o 23 de xaneiro e pecha o 3 de xullo
A Xunta convoca as axudas a concellos de menos de 30.000 habitantes para a rehabilitación de edificios de titularidade municipal con destino a vivenda pública en alugueiro alcanzable.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina un orzamento bianual de 2,1 millóns a esta nova convocatoria, cun aumento da súa contía nun 30 %, ata os 65.000 euros por cada vivenda.
Abre o prazo para solicitudes a partir do próximo día 23 de xaneiro ata o 3 de xullo ou ata esgotar o crédito orzamentario. O importe da axuda poderá alcanzar o 95 % do custo da rehabilitación, sen superar a contía máxima.
No caso de que a vivenda se atope nunha área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo alcanza os 68.000 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou estas subvencións en Campo Lameiro (Pontevedra), beneficiario dunha destas achegas da Xunta, por 250.000 euros, coa que puido rehabilitar cinco vivendas.
A conselleira destacou como novidade que as vivendas resultantes, que se destinarán a alugueiro alcanzable, terán cualificación pública permanente.
Valora que estes programas "permiten non só darlle unha nova oportunidade a vellas vivendas, senón que ao mesmo tempo incrementar a oferta de fogares".
A Xunta destaca que, desde o inicio da actual lexislatura, concedeu a través desta liña axudas para rehabilitar 66 vivendas por un importe de 3,12 millóns.