Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta convoca axudas para instalar valados fixos para previr ataques de lobo

A Xunta convoca axudas para instalar valados fixos para previr ataques de lobo

O Goberno Galego destinará este ano 400.000 euros a axudas para previr este tipo de ataques ao sector gandeiro

Poderán solicitalas os titulares de explotacións gandeiras que estean incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia

Imaxe de dous lobos (Arquivo Europa Press/Bernd Weißbrod/dpa) Imaxe de dous lobos (Arquivo Europa Press/Bernd Weißbrod/dpa)
G24.gal 05/01/2026 12:18

A Xunta destina 400.000 euros a axudas para previr os ataques do lobo ao sector gandeiro en 2026 mediante a instalación de valados fixos, tal e como publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así, poden solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, caprino, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

Desta forma, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes para contar a partir deste martes e o importe máximo da axuda será de 3,5 euros por metro lineal ata un máximo de 1.750 euros por valado fixo electrificado.

No caso dos valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, o importe máximo da achega será de 4,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 4.500 euros por explotación.

Estas axudas específicas para o lobo engádense a outras dúas ordes xa publicadas o mes pasado que tamén teñen como obxectivo previr de diferentes formas os danos que provoca esta especie, así como o oso e o xabaril, no sector agrogandeiro galego.

O 16 de decembro o DOG publicou a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre no ano 2026, en que se inclúe un orzamento de 325.000 euros para medidas fronte ao lobo.

O mesmo día tamén publicaron a orde de axudas para contratar persoas coidadoras de gando, unha liña que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou por primeira vez no ano 2023 e a través da cal os gandeiros poden acceder a unha subvención de ata 16.500 euros e solicitar o pago dun anticipo de ata o 50 % do importe concedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade