Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta chama ao acordo para non chegar á folga indefinida de buses na provincia da Coruña

A Xunta chama ao acordo para non chegar á folga indefinida de buses na provincia da Coruña

O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, ofreceu a mediación do Goberno galego para lograr achegar posturas entre as partes

Estación de autobuses de Santiago durante unha das xornadas de folga (Europa Press/Álvaro Ballesteros)
G24.gal 21/01/2026 16:07

Para este venres está convocado un novo paro do transporte por estrada na provincia da Coruña. O Goberno galego chama a patronal dos autobuses e os sindicatos a que busquen unha solución e non chegar ao paro indefinido anunciado a partir do 2 de febreiro. O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, ofreceu a mediación da Xunta e esixiu que se cumpran os servizos mínimos. Do contrario, advirte, haberá sancións.

"Sabemos que teñen conversacións, esperemos que poidan chegar canto antes a unha solución e non chegar a ese momento da folga indefinida", dixo Calvo.

A provincia coruñesa viviu nove días de folga de autobuses en decembro e xaneiro, hai unha nova xornada convocada para este venres e, se non se chega a un acordo, os convocadores anunciaron que en febreiro o paro será indefinido.

A Xunta fala "desde o primeiro día" coas partes implicadas, segundo Calvo, que lembrou que o Goberno galego pode mediar no conflito a través do acordo interprofesional galego (AGA).

O conselleiro insistiu en que os servizos mínimos débense cumprir e fixo un chamamento aos sindicatos para que non os bloqueen.

"Non pode ser que se bloqueen os servizos de transporte para os colexios e que non se faga absolutamente nada. Ás empresas esixímoslles que cumpran eses servizos mínimos, se non se cumpren levantaranse as actas correspondentes", dixo.

Tamén referiu que falou co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para que a Policía e a Garda Civil actúen para facilitar que se cumpran eses servizos mínimos.

"Non pode ser que non se permita saír aos buses das estacións ou as propias instalacións que teñen as empresas", insistiu.

A folga foi convocada ante a falta dun convenio colectivo actualizado e para reclamar subas salariais para recuperar o poder adquisitivo perdido, unha mellor organización para evitar quendas excesivas e facilidade para a conciliación laboral e familiar, entre outras medidas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade