Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta activará axudas para o lecer nocturno e ultima compensacións a autónomos

A Xunta activará axudas para o lecer nocturno e ultima compensacións a autónomos

A conselleira de Emprego amósase favorable a que se trate unha eventual suba do Salario Mínimo Interprofesional pero que teña en conta o impacto da nova reforma laboral

María José Lorenzana cualifica de fracaso político do Goberno a maneira como foi aprobada a reforma laboral e considera que debería ser tramitada como proxecto de lei

 

G24.gal 06/02/2022 10:19

A conselleira de Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana avanzou no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega a próxima convocatoria de axudas para o sector do lecer nocturno e a preparación doutras achegas para compensar autónomos que aínda non puideron retomar a súa actividade ao completo. Nunha entrevista, Lorenzana dixo que a convocatoria para o lecer nocturno afectado polos peches do Nadal "sairá xa na primeira quincena de febreiro" por un total de 3 millóns de euros. A outra liña de achegas, que aínda se está ultimando coas asociacións de autónomos, destinarase a sectores que tiveron unha rebaixa na facturación dun 80–90 por cento e apenas puideron abrir, e puxo como exemplo os feirantes

"Estamos a piques de sacar en primeiro lugar unha axuda para o ocio nocturno, para compensar as perdas sufridas polos peches que houbo que facer nas datas de Nadal, de Fin de Ano e de Reis ata mediados do mes de xaneiro. E agora mesmo estamos tamén valorando coas asociacións de autónomos (...) para ver a posibilidade de indemnizar aqueles sectores que apenas puideron abrir".

A conselleira de Emprego tamén volveu lembrar a petición trasladada pola Xunta e outras comunidades ao Goberno central para que se reasignen as axudas do plan de rescate estatal que non chegaron ás empresas pola dificultade de cumpriren requisitos e se poidan empregar noutra convocatoria este ano cuns criterios de distribución máis laxos.  

Suba do SMI

Na véspera de que o Ministerio de Traballo volva reunir a patronal e sindicatos para tratar unha eventual suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), a conselleira de Emprego amósase favorable á iniciativa "mentres se faga no seo do diálogo social" e contando con todas as partes implicadas. Con todo, di que tamén ten que ter en conta "os efectos da reforma laboral", que, no que atinxe aos contratos indefinidos, aclarou, non se verán ata despois de marzo. 

"Estou dende logo a favor de que isto se revise, se reclame, pero tendo en conta a situación tan crítica pola que estamos pasando e os custos tan elevados que agora mesmo están soportando as empresas. Si é verdade que habería que ver cales son os efectos da reforma laboral porque eu creo que si van incrementar algo os custos dos empresarios e facer todo á vez non sei se é dende logo o máis prudente".

Reforma laboral e validación

A conselleira de Emprego cualifica de "fracaso político de máximo nivel para o Goberno da nación" o xeito en que se validou a reforma laboral. Lorenzana asegura que se fixo polo "erro" dun deputado e considera que a presidenta do Congreso "ten moito que explicar porque este deputado (en alusión ao deputado popular Alberto Casero, que denunciou fallo no sistema informático na votación) intentou aclarar firmemente a súa postura e non se lle deixou". 

"A reforma laboral non se aprobou polo traballo do Goberno senón por un erro nunha votación, entón isto creo que é un fracaso político de máximo nivel para o Goberno da nación, tanto para o Partido Socialista como para Podemos. E logo, o que ocorreu, o que está ocorrendo co erro do voto do deputado ten que ser aclarado, e ten que ser aclarado por garantir que estamos nun estado de dereito de primeiro nivel dunha democracia avanzada". 

Respecto á tramitación e impacto da reforma laboral, Lorenzana entende que debera ser tramitada coma "proxecto de lei" e di agardar que polo menos mellore a indefinición dos contratos en España: "E espero que esa redución da flexibilidade non repercuta ao final nunha perda na creación de emprego". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade