A Xunta activa a alerta laranxa por chuvias para este domingo no centro e sur da provincia de Lugo
Activada a alerta amarela resto da provincia de Lugo, no noroeste e no interior da Coruña, así como en Miño, Sur, Montaña e Valdeorras de Ourense, tamén por chuvias e tormentas
A Secretaría Xeral de Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior nos municipios do centro e sur de Lugo a partir das 15.00 horas ata a medianoite

A Xunta activou a alerta laranxa para mañá, domingo, por choivas e tormentas no centro e sur da provincia de Lugo.
No resto da provincia de Lugo, no noroeste e no interior da Coruña, así como en Miño, Sur, Montaña e Valdeorras de Ourense, actívase a alerta amarela por estes mesmos fenómenos.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Ceral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos municipios das provincias afectadas; deputacións provinciais, servizos provinciais e grupos de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase a partir do mediodía por precipitacións acumuladas nunha hora que poderían superar os 30 milímetros.
En zonas con alerta amarela espérase que a precipitación acumulada nunha hora supere os 15 milímetros. En ambos os casos tamén haberá tormentas eléctricas que poderán ir acompañadas de saraiba.
A Secretaría Xeral de Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior nos municipios do centro e sur de Lugo a partir das 15.00 horas ata a medianoite.
Ante fortes choivas recoméndase conducir con precaución e verificar previamente o estado das vías, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan asolagarse e non estacionarse nas beiras dos ríos.