Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xuíza insta a Adif a aclarar os cambios de carril na zona do accidente de Adamuz

A xuíza insta a Adif a aclarar os cambios de carril na zona do accidente de Adamuz

A maxistrada quere que o administrador ferroviario identifique a empresa subministradora do carril defectuoso, quen informou do defecto e quen autorizou o cambio

Traballos de reparación na vía tras o accidente de Adamuz (Arquivo Europa Press) Traballos de reparación na vía tras o accidente de Adamuz (Arquivo Europa Press)
G24.gal 25/03/2026 10:32 Última actualización 25/03/2026 11:28

A xuíza que investiga as causas do accidente de Adamuz (Córdoba) do pasado 18 de xaneiro no que morreron 46 persoas instou o xestor ferroviario Adif a que aclare e complemente os feitos e motivos técnicos polos que se procedeu á substitución de varios metros da vía no lugar do suceso.

Nunha providencia ditada o martes e á que tivo acceso EFE, a xuíza dá cinco días a Adif para que "aclare e complemente os feitos e motivos técnicos polos que se procedeu á substitución do carril de 36 metros de lonxitude no punto quilométrico 317'264 da vía 2".

Ademais, insta á "identificación da mercantil ou empresa subministradora do carril defectuoso, o seu representante legal, director técnico da empresa subministradora que informou do defecto, persoa que aconsellou a Adif a substitución preventiva, traballadores ou técnicos de Adif cos que a empresa subministradora e o seu director técnico trataron a incidencia e traballador ou responsable de Adif que autorizou o cambio de carril".

Así mesmo, a xuíza pide á Garda Civil a que proceda á práctica de dilixencias de investigación para o esclarecemento da "substitución de carril de 36 metros de lonxitude no punto quilométrico 317,264 da vía 2" e se o suposto defecto "puido facerse extensivo a outros cupóns da vía 1 e vía 2 incluídos nos puntos quilométricos que van desde o 321,098 ao 315,974, dando inmediata conta a este órgano xudicial".

Finalmente, tamén require a xuíza a Adif a que en cinco días "certifique ante este órgano xudicial que o novo carril instalado conta con certificado de calidade e demais constancia documental necesaria para asegurar a súa rastrexabilidade" e que no mesmo prazo "aclare e complemente as causas técnicas que motivaron a substitución de 42 metros de carril da vía 2 entre os puntos quilométricos 317,300 e 317,342".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade