Publicador de contidos

Publicador de contidos

A ximnasia española vólcase en Pontevedra coa homenaxe a Pablo Hinojar

A ximnasia española vólcase en Pontevedra coa homenaxe a Pablo Hinojar

Espectacular tarde de luz, música e deporte no pavillón municipal de Pontevedra

250 ximnastas de alto nivel lembran a figura do que fora Seleccionador español

A homenaxe xuntou a Loreto, Marta e Melania, flamantes de medallistas no último campionato do Mundo 

G24.gal 31/01/2026 21:45 Última actualización 31/01/2026 22:43

A segunda edición da homenaxe a Pablo Hinojar foi un espectáculo. Un espectáculo de luz, de son e, sobre todo, de deporte. Porque no pavillón municipal de Depotes de Pontevedra xuntáronse os mellores ximnastas de salto de trampolín de España  e, entre eles, Melania Rodríguez, Marta López e Loreto Tuñón as flamantes gañadoras da medalla de bronce por equipos na modalidade de Dobre Mini Trampolín no último campionato mundial.

Loreto, Marta e Melania atenderon ao micrófono da CSAG, as tres ao tempo, nunha entrevista distendida, chea de complicidade, na que coincidiron no éxito da homenaxe e na que a propia Melania nos confirmou que haberá unha terceira edición o ano que vén. As tres ximnastas falaron tamén dos seus vindeiros obxectivos e fixaron a vista no vindeiro campionato europeo. Melania segue tamén de esguello o soño de estar nuns xogos olímpicos.

Amais da disciplina de trampolín, na homenaxe tamén houbo representación doutras modalidades, como a ximnasia artística, rítmica e acrobática. En total, 250 atletas que non quixeron perder  ocasión de lembrarse de Pablo.

Pablo Hinojar foi fundador do Club Ximnasia Pontevedra e adestrador aquí. Con el medraron figuras da talla de Melania Rodríguez e el adquiriu sona mundial. Logo chegoulle a oportunidade de ser Seleccionar español, cargo no que volveu amosar a súa paixón e enorme valía. Pablo finou en outubro de 2024, dun infarto, mentres durmía nun hotel de Madrid. Ata alí fora na compaña doutros ximnastas, como a súa pupila Melania, para render homenaxe a María Herranz, unha deportista que viña de morrer por unha meninxite con 17 anos.

A morte de Pablo traumatizou o mundo da ximnasia española de trampolín por inesperada e pola dimensión da súa figura. E é por iso e polo cariño que se lle garda o desta homenaxe.

Por certo, a entrada para esta homenaxe foi de balde e a organización aproveitou para realizar sorteos. Detrás deles, a intención de recadar cartos para a Asociación de Enfermos de Alexander; unha rara doenza que afecta ao cerebro sen cura. A presidenta do Club de Ximnasia Pontevedra, Sara García, cualificou o acto como un éxito, algo do que "sentirse orgullosos". Tal e como Pablo querería.    

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade