A xente nova impulsa as fritideiras de aire como o método de cociña que máis medra en España
O informe anual de consumo alimentario revela que as novas xeracións buscan unha cociña máis doada e máis saudable
A suba do prezo dos alimentos está facendo que as familias planifiquen máis as compras
A suba do prezo dos alimentos está condicionando os hábitos de consumo en España. O informe anual do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación revela que estamos controlando algo máis as compras, imos menos ao supermercado. O estudo tamén recolle que hai unha clara tendencia nas novas xeracións: buscan unha cociña máis doada e están máis preocupadas pola saúde.
Unha das consecuencias vémola cada vez máis nas nosas casas. As fritideiras de aire son, con moito, o método de preparación de alimentos que máis está crecendo nos fogares españois. En proporción, aínda representa pouco, un catro por cento, pero no último ano o seu uso medrou un 1,1 %.
"Hoxe é a pregunta estrela", confirma Javier Vaqueiro, carniceiro do mercado do Progreso de Vigo: "Isto podo facelo na fritideira de aire? Si, si que podes. Leva un pouco máis de tempo, aforras aceite e colesterol".
As fritideiras triunfan, sobre todo, entre a xente de menos de 35 anos. O prezo dos alimentos inflúe en todas as franxas de idade. Nos últimos cinco anos, subiron un trinta por cento. Por iso, o ministro Luis Planas destaca que se está notando que os consumidores controlan máis os gastos: imos á compra con menos frecuencia e así facemos menos compras impulsivas.