A Volta lamenta a imaxe que deron as protestas que cancelaron a etapa en Madrid
"É inaceptable o que ocorreu, especialmente no circuíto. Non se saca nada bo do que ocorreu. Lamento a imaxe que se deu, e iso non se pode repetir", di o director da proba
Javier Guillén cre que "puideron convivir as manifestacións coa práctica do deporte"
A organización fixo balance dunha proba marcada polas protestas en apoio do pobo palestino e contra o equipo Israel-Premier Tech
Os organizadores da Volta lamentaron as protestas propalestinas que provocaron este domingo a cancelación da última etapa da edición de 2025 con final no centro de Madrid e felicitaron o vencedor da rolda española, o danés Jonas Vingegaard.
Javier Guillén, director da proba lamentou especialmente a imaxe ofrecida.
"A organización da Volta lamenta os acontecementos que tiveron lugar durante a celebración da etapa final da Volta 25. A pesar de todos os esforzos da organización, non puidemos concluír a etapa segundo o planeado debido aos lamentables incidentes ocorridos en Madrid", indicaron nun comunicado.
Segundo explicou Guillén poderían "convivir as manifestacións e o deporte". Pero non ocorreu así.
"Sabiamos que era un día complicado. Vimos que se producían incidentes, primeiro en San Sebastián de los Reyes e Alcobendas, e no circuíto xa había invasión da calzada. Situación moi difícil, tratamos de poñer solucións, pero a 3 quilómetros de meta outra invasión de calzada produciu caídas dos ciclistas e decidimos cancelar a etapa", engadiu.
Axentes antidisturbios de Madrid levaron a cabo cargas policiais ante o lanzamento de valos de contención e botellas na meta da etapa final ao seu paso pola capital, nunha actuación que concluíu con dous detidos e 22 policías feridos.
Na zona do Paseo do Prado mirando cara á estación de Atocha, aumentou a tensión mentres o pelotón tentaba entrar na capital, que tivo que reforzar a seguridade con preto de 1.500 policías nacionais e garda civís nas dúas últimas xornadas para tratar de velar pola integridade dos ciclistas.
Manifestantes con bandeiras de Palestina invadiran varias zonas do percorrido da etapa final da Volta e protagonizaron así os primeiros incidentes. A organización anunciara ao redor das 17:30 horas, unha hora antes da ocupación do percorrido tras pasaren os ciclistas polo Templo de Debod, un cambio de percorrido na etapa que non fora comunicado previamente e modificaron a entrada a Madrid.
En concreto, evitouse o paso polo centro de Alcobendas e os ciclistas foron por unha variante. Moitos manifestantes propalestinos xa ocuparan o percorrido en varios puntos e a policía tivera que cargar contra eles.
A Volta ía resolver este domingo en Madrid unha 90.ª edición marcada polas protestas en apoio do pobo palestino e contra o xenocidio en Gaza ante a presenza do equipo Israel-Premier Tech, uns actos de denuncia que concluíron cunha vintena de detidos por desordes públicas nas etapas previas.
Así mesmo, a empresa organizadora felicitou a Jonas Vingegaard e ao seu equipo, o Visma-Lease a Bike, pola súa vitoria na clasificación xeral da carreira por diante do portugués João Almeida (Team UAE Emirates).