Publicador de contidos

Publicador de contidos

Violencia machista no 2022: 49 mulleres asasinadas e 38 menores orfos

Violencia machista no 2022: 49 mulleres asasinadas e 38 menores orfos

Os casos confirmados superan os contabilizados o pasado ano

G24.gal 31/12/2022 10:30 Última actualización 31/12/2022 14:49

Este ano foron asasinadas en España por violencia machista polo menos 49 mulleres, unha máis ca no 2021. Son os casos confirmados ata o momento.

Decembro foi o peor mes con 11 falecidas, converténdose nun dos períodos con máis asasinadas desde que se empezaron a contabilizar en 2003, unha estatística que xa alberga 1.182 nomes.

Estes números son só a punta do iceberg da violencia machista, que un ano máis deixa graves datos, como os 38 menores que quedaron orfos pola morte das súas nais ou os dous nenos vítimas de violencia vicaria.

Entre xaneiro e novembro de 2022, realizáronse 93.924 chamadas pertinentes ao servizo 016, segundo os datos máis recentes do Ministerio de Igualdade. Isto son ao redor de 6.000 chamadas máis ca o ano pasado.

O 30 de novembro había 17.114 usuarias do servizo telefónico de atención e protección para vítimas da violencia de xénero (ATENPRO), así como 3.015 dispositivos electrónicos de seguimento activos.

Casos activos

Doutra banda, o último Boletín estatístico sobre violencia de xénero difundido por Igualdade revela que hai un total de 74.656 casos activos no sistema de seguimento integral de casos de violencia de xénero (VioGen), case un 9 % máis que en 2021.

Ademais, 43.301 mulleres contan con protección policial. Sobre as denuncias por violencia de xénero, os últimos datos dispoñibles correspóndense cos solicitados ata o 30 de xuño de 2022, cando se contabilizaron 87.508 denuncias no que vai de ano, 12.000 máis que no mesmo período de 2021.

O mesmo pasa coas ordes de protección de mulleres vítimas de violencia machista. Ata xuño deste ano ditáronse 19.881, 2.000 máis ca no primeiro semestre de 2021.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade