A próxima semana comeza en Galicia a vacinación coa dose de reforzo dos maiores de 18 anos
Esta fin de semana continúa a administración da terceira dose ao grupo de idade de 30 a 39 anos
No Gaiás, en Santiago, están citadas este sábado unhas 5.800 persoas
A asistencia á vacinación en Galicia continúa a estar, na terceira dose, entre o 85 e o 90 por cento dos convocados na maioría dos grupos de idade.
O mércores pasado comezábase a administrar a dose de reforzo ás persoas de entre 30 e 39 anos e continúase esta fin de semana. No Gaiás, en Santiago, hai uns 5.800 convocados en todo este sábado.
Este grupo de idade de 30 a 39 anos está citado aquí ata o martes vindeiro. A maioría asegurábannos que veñen por responsabilidade, tamén por ter o certificado covid.
A partir do mércores comeza a vacinación coa dose de reforzo dos maiores de 18 anos, que xa están a recibir as citacións do Sergas.
"Todas aquelas persoas de máis de 18 anos que cumpran os criterios van ter cita para esta semana ata o 30 de xaneiro, todos os que teñan cita e xa pasaran cinco meses desde a anterior vacina ou se tiveron a covid e xa pasaran catro semanas pódense vir vacinarse coa dose de reforzo", dicía Alex Baña, membro do equipo de coordinación da vacinación na Cidade da Cultura.
Tamén se segue a inmunizar as persoas de 40 a 49 anos que se infectaron coa covid e que poden recibir a terceira dose catro semanas despois.