A viaxe irrepetible en cruceiro que mudou en crise sanitaria internacional
O gromo de hantavirus do Hondius obriga a gardar corentena a toda a pasaxe e a tripulación.
Tres dos contaxiados do barco, faleceron e oito persoas están infectadas
Embarcaron nun cruceiro de luxo que combina turismo e aventura. Pagaron entre 6.000 e 40.000 euros, dependendo do camarote, a duración da estadía ou as excursións para contemplar natureza salvaxe e paisaxes únicas. Estaban gozando do que para a maioría dos pasaxeiros do Hondius sería unha viaxe irrepetible.
Tras dez días de travesia desde a Arxentina á Antártida, o barco zarpa de Ushuaia, na Patagonia o 1 de abril con 170 persoas a bordo entre pasaxeiros e tripulación.
Seguen gozando do cruceiro e das súas excursións por illas remotas do Atlántico sur. E a rutina non varía cando o 11 de abril falece a bordo un pasaxeiro holandes por problemas respiratorios.
O 24 de abril desembarcan o cadáver na illa de Santa Helena. Tamén abandonan o barco 30 pasaxeiros incluída a viuva da vítima que falecería dous días despois en Sudáfrica. Nas xornada inmediatas deben evacuar outro pasaxeiro con problemas respiratorios e falece unha terceira pasaxeira a bordo.
O 2 de maio, un laboratorio sudrafricano confirma que o último evacuado está contaxiado de hantavirus e a Organización Mundial da Saúde activa a alerta sanitaria a bordo.
O matrimonio holandés falecido levaba catro meses percorrendo América do Sur. Tanto eles como outros pasaxeiros estiveran en lugares onde se convive co hantavirus dos Andes que transmiten os ratos se se entra en contacto cos seus excrementos.
O contaxio entre humanos é moi raro e precisa un contacto estreito. Pero a enfermidade que provoca o hantavirus causa a morte entre un 30 e un 40% dos casos.
Confirmado o foco de hantavirus a bordo comeza a odisea do Hondius polo Atlántico. Pasa días fondeado en Cabo Verde que denega o desembarco por falta de medios para atender a emerxencia sanitaria. España acabaría recibindo o barco nas Canarias en cumprimento do Dereito Internacional e por razóns humanitarias.
Un impresionante dispositivo desembarca e repatria os seus países os 94 pasaxeiros de 19 nacionalidades.
14 pasaxeiros españois, un deles galego, gardan corentena tras unha viaxe de pracer que os converteu en desafortunados protagonistas dunha crise sanitaria internacional.