A viaxe en tren entre Vigo e O Porto dura máis que hai unha década ao ter máis paradas
O tren Celta acumula atrasos no seu percorrido
"Estou agardando o tren que chega de Portugal, pero sempre chega con atraso, non sei que pasa. Sempre hai que agardar 10, 15 minutos por el, é un tren que non vai moi ben, non funciona moi ben", comenta un rapaz.
É un dos trens con máis historia nas conexións entre España e Portugal, pero xa ten sona de ser tardón. O servizo entre O Porto e Vigo comezou no 1913 e pasou por momentos en que perigou a súa continuidade pola caída da demanda, a falta de calidade do servizo e o custo da viaxe.
Hai máis dunha década o traxecto duraba case tres horas e tiña 14 paradas. No 2013 decidiron suprimir as estacións intermedias. Gañou en rapidez. A viaxe duraba dúas horas e cuarto. Hoxe xa son como mínimo dúas horas e 22 minutos. Para en Braga, Viana e Valença.
"Un pouco de atraso, si"; "Pero moi pouco, moi pouco"; "Máis alá diso non vin ningunha outra eventualidade, ningún problema. Chegou si, creo que con vinte ou 15 minutos tarde, pero en fin, a min non me xera ningún problema polo pronto", apuntan varios usuarios do tren Celta
Actualmente hai dous trens por día e sentido. Tanto Renfe como Combois de Portugal descartan por agora aumentar as frecuencias, e iso que o Celta está vivindo o seu mellor momento. O ano pasado moveu 116.000 pasaxeiros, un 400 % máis que hai unha década, e moito grazas ao tirón dos peregrinos.
Investimentos millonarios realizaron melloras, tamén no servizo pero sen poder aumentar a velocidade. Para iso haberá que agardar a que Vigo e O Porto queden unidos pola alta velocidade. Entón o traxecto poderá durar menos dunha hora.