Publicador de contidos
Publicador de contidos

A valoración das antigüidades depende do obxecto e da investigación dos taxadores

A valoración das antigüidades depende do obxecto e da investigación dos taxadores

En Galicia hai tanto patrimonio histórico que en moitas ocasións non se valora adecuadamente

Os taxadores certifican o valor obxectivo dunha antigüidade de cara a unha herdanza ou venda

G24.gal 02/11/2024 15:06

Calcular o valor dun obxecto antigo non é doado. Para iso está o taxador, que cataloga e certifica a procedencia e o custo real dunha antigüidade e que en Galicia moitas veces resulta complicado.

"Temos tantas antigüidades en España e en Galicia que ás veces acontece como cando pasas pola catedral, que de tantas veces que vas xa nin a miras.  As pezas antigas teñen un valor engadido, histórico-artístico que non deixa de ser o noso pasado e hai xente que segue a valoralas", apunta Ana Castro, taxadora de arte e antigüidades.

Entre os clientes destes profesionais están os que queren coñecer a cotización dun produto concreto ou dun conxunto para o repartimento equitativo no caso dunha herdanza. E non sempre é doado.

"Atopei de todo. Dende pezas que a familia pensaba que non valían nada e custaban moitísimo, ata obxectos que os parentes viñan dicindo toda a vida que custaban moitísimo e que despois nada. Hai veces que teño que dar algún desgusto pero tamén dou alegrías", indica Ana Castro.

O taxador, investiga e orienta, mais o mercado é o que manda. "O ouro, as xoias, os reloxos, seguen a ter un coleccionismo interesante; a pintura tamén, e o que menos os libros e os mobles, que están agora mesmo un pouco de capa caída", comenta a taxadora.

E aínda que non é o habitual, nesa investigación que é a taxación aparecen as sorpresas inesperadas e agradecidas.

"Unha vez valorei un busto nunha casa, que o trouxeran de Francia, e dixéronme que naquel momento que valera máis a peza que a propia casa", lembra Ana Castro.

Antes vender unha antigüidade, os taxadores recomendan unha consulta profesional: ademais de poder ter unha boa nova económica, promóvese a conservación do patrimonio histórico para as xeracións vindeiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade