A oposición ve no informe da Valedora "mala xestión" da Xunta; o PP responsabiliza o Goberno central
A oposición ve no informe da Valedora "mala xestión" da Xunta; o PP responsabiliza o Goberno central
A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, presentou no pleno do Parlamento o seu informe do ano pasado, no que atendeu un total de 16.500 queixas, un 60 % delas presentadas por mulleres, e rexistrou un aumento dos asuntos tramitados, 4.155, o que supón un incremento do 11 % respecto ao exercicio anterior e o número máis alto xestionado nunca por esta institución.
Moitas destas queixas centráronse nos servizos públicos, empezando pola sanidade, coas lista de espera como un dos motivos máis frecuentes.
Os grupos da oposición aseguran que o informe de 2024 é unha proba da "mala xestión" da Xunta, sobre todo nos servizos públicos, que concentran gran parte das queixas presentadas pola cidadanía.
BNG: "O informe é a proba da mala xestión do PP"
Para o deputado do BNG Óscar Insua este informe é a "proba do algodón da mala xestión do PP".
Insua reclamou a renovación da valedora, xa que o seu mandato está caducado desde hai máis dun ano, e denuncia que o PP está "pechado en banda" e é "o máis ultra da historia da democracia".
PSdeG: "Nada novo baixo o sol"
Para a deputada do PSdeG Paloma Castro o informe de 2024 demostra que "as carencias de xestión" da Xunta perpetúanse " ano tras ano", polo que instou ao Goberno galego a que se deixe de "opacidade e propaganda" e atenda as recomendacións da Valedora do Pobo.
Castro denunciou especialmente cuestións como a atención á dependencia, un ámbito no que os municipios están "afogados economicamente" polo mantemento do Servizo de Axuda non Fogar (SAF), unha situación que é para que "se poñan en folga" pola falta de financiamento suficiente da Xunta.
O PPdeG deriva a responsabilidade no Goberno central
Pola súa banda, a deputada do PPdeG Paula Prado derivou ao Goberno central a responsabilidade dos principais problemas da sanidade ou a atención á dependencia e, de feito, iniciou a súa intervención denunciando "a situación de emerxencia democrática que vive" España.
Prado criticou un "progresivo proceso de colonización do poder" por parte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e unha esquerda que "perdeu por completo o respecto á democracia e á Xustiza", segundo afirmou.
Isto levou a Castro a recriminar, á súa vez, a Prado "falta de respecto" por vir a este debate no pleno para "falar dos seus problemas persoais", en referencia aos que ten o PP "porque non goberna" en España.
O único no que coincidiron todos os partidos é en agradecer o labor da Valedora do Pobo, aínda que o deputado do grupo mixto, Armando Ojea, cargou contra o seu "uso con fins políticos" por parte dalgúns "partidos maioritarios que están no Goberno".¡
Ademais, no pleno, comparecerá á petición propia a conselleira María Martínez-Allegue. Fará balance das actuacións realizadas na Consellería de Vivenda no que vai de lexislatura.
Poden seguir a sesión en G24.gal.