Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Valedora do Pobo compromete "prudencia" e "sentidiño" no seu novo mandato

A Valedora do Pobo compromete "prudencia" e "sentidiño" no seu novo mandato

Na súa toma de posesión Fernández Galiño destacou que este organismo estatutario traballa "sempre coa idea de non deixar a ninguén atrás" 

Desde 2019 duplicáronse o número de queixas presentadas ante a Valedora de Pobo e multiplicáronse por sete o número de resolucións

EFE/Lavandeira jr EFE/Lavandeira jr
G24.gal 19/02/2026 12:39

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, asegurou que, unha vez máis, a "prudencia" e o "sentidiño" acompañarana no seu novo mandado á fronte da institución, un cargo ao que chegou en 2019, no que seguirá traballando "con ilusión, compromiso e responsabilidade".

Na súa toma de posesión este mércores, destacou que este organismo estatutario traballa "sempre coa idea de non deixar a ninguén atrás" e que nos últimos anos tratou de "estar máis preto, de responder máis e mellor ás preocupacións reais da xente".

Fernández Galiño indicou que nos informes presentados ante o Parlamento fíxose fincapé no enfoque dos dereitos humanos, especialmente das persoas maiores, as persoas con diversidade funcional, as vítimas de discriminación e as persoas en risco de pobreza e exclusión.

Segundo resaltou, desde o ano 2019 ata o 2025 duplicáronse o número de queixas presentadas ante a Valedora de Pobo e multiplicáronse por sete o número de resolucións, e "grazas á colaboración das administracións públicas iso repercutiu na cidadanía galega dando sentido e significado á institución".

"Se o ano 2019 ofrecín a miña profesionalidade e o meu compromiso cos dereitos humanos e coa lingua, agora tamén ofrezo o desenvolvemento da institución durante os últimos anos", apuntou, tras lembrar a súa traxectoria anterior de case 30 anos como xuíza e maxistrada, coa súa independencia "garantida por lei", e o seu compromiso con facer "do feminismo o aceno de identidade da institución".

Para terminar a súa intervención, a valedora citou unhas palabras de Begoña Caamaño, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, ao afirmar que afronta o seu novo mandado mirando para adiante e con esperanza porque "é tempo de feminismo, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non, da felicidade".

Pola súa banda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, instou a remar "a favor da transparencia dos poderes públicos e de derrubar calquera muro ou valado que impida ou dificulte a proximidade das administracións aos cidadáns" porque considera que iso é o que a sociedade demanda dos seus representantes.

Á cerimonia, celebrada no Parlamento de Galicia, asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o do Parlamento, Miguel Santalices; os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, así como o delegado do Goberno, Pedro Blanco, entre outras autoridades xudiciais, civís e militares.

Fernández Galiño (O Carballiño, Ourense, 1963) foi elixida por primeira vez en agosto de 2019 e o seu mandato expirou en agosto de 2024. O pasado 10 de febreiro foi reelixida polo pleno do Parlamento de Galicia co voto a favor de PPdeG e BNG, e a abstención do PSdeG. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade