A Policía detén o expríncipe André, irmán de Carlos III
Segundo informa a BBC, citando fontes policiais, foi arrestado baixo a sospeita de mala conduta nun cargo público
As sospeitas polos seus vínculos con Jeffrey Epstein perségueno desde hai anos e nas últimas semanas volveron poñer o foco sobre el
Arquivo (Reuters/Toby Melville)
Andrew Mountbatten-Windsor, irmán do rei británico Carlos III, foi detido este xoves baixo a sospeita de mala conduta nun cargo público, informou a Policía do Val do Támesis, forza policial á que pertence Windsor, nos arredores de Londres.
Os axentes policiais acudiron esta mañá á propiedade de Sandringham, no condado de Norfolk (leste de Inglaterra), onde vive actualmente o antigo príncipe, centro dunha forte polémica polos seus pasados vínculos co pederasta convicto Jeffrey Epstein.
Segundo a Policía do Val do Támesis, o detido, que precisamente este xoves fai 66 anos, permanece retido nunha comisaría.
A polémica sobre a súa relación con Epstein afondouse logo de que uns correos do Departamento de Xustiza dos EUA revelasen que o expríncipe lle facilitara documentos sensibles do Goberno británico.
Hai uns días, ese a policía do Val do Támesis informara de que estaba a avaliar a información para decidir se procedía a unha investigación criminal.
Así, nun comunicado divulgado hoxe, as forzas da orde indican que esta mañá a detención foi "baixo sospeita de mala conduta nun cargo público e estamos a realizar rexistros en domicilios" de Berkshire, onde está Windsor, e Norfolk.
A nota agrega que se trata dun caso "activo", polo que "se recomenda ter coidado con calquera publicación para evitar incorrer en desacato xudicial".
Segundo a lexislación do Reino Unido, un arresto require que a policía teña motivos razoables para sospeitar que se cometeu un delito e para crer que é necesario arrestar á persoa.
Varias forzas policiais británicas avalían actualmente o movemento do avión privado de Epstein en distintos aeroportos do Reino Unido para tentar pescudar se foi utilizado polo magnate para traficar con menores de idade.
A falecida Virginia Giuffre afirmou en 2014 que foi traficada ao Reino Unido por Epstein cando ela era menor de idade e obrigada a manter relacións sexuais co expríncipe, unha alegación que este sempre negou.
Desposuído polo seu irmán dos seus títulos
O expríncipe André foi desposuído dos seus títulos nobiliarios, incluído o de príncipe, o pasado mes de novembro polo seu irmán, o rei Carlos III, tras novas revelacións sobre os seus vínculos co caso Epstein.
Hai só uns días, despois de que se publicasen novas revelacións sobre o escándalo, o rei expresou a súa disposición para colaborar na investigación a Andrés se a policía llo pedía.
As primeiras revelacións sobre o presunto abuso de menores cometido polo expríncipe chegaron en 2015, coas revelacións de Giuffre ante un tribunal de Florida que foi forzada a manter relacións sexuais con el cando era menor, dentro da rede que dirixía o falecido pedófilo millonario estadounidense Jeffrey Epstein.
O escándalo volveu á actualidade en 2019 e tras o encarceramento do magnate e o seu posterior presunto suicidio, André anunciou a súa retirada da vida pública en novembro dese ano.
Pero o caso continuou e en 2021, Giuffre presentou unha demanda contra el, ao asegurar que abusou dela cando era menor.
Andrew Mountbatten-Windsor, nacido en Londres, o 19 de febreiro de 1960, é o terceiro fillo da raíña Isabel II e do duque de Edimburgo.
En 1983 combateu na guerra das Malvinas, como piloto dun helicóptero, e foi condecorado coa medalla da Orde da Raíña Vitoria por salvar a vida de varios mariñeiros.
En 1985 coñeceu a aristócrata Sarah Ferguson e o 23 de xullo de 1986 contraeron matrimonio na Abadía de Westminster.
Tras o seu matrimonio foi nomeado duque de York e, en 1987, tomou posesión do seu escano como membro da Cámara dos Lores. Tamén foi investido Conde de Inverness con carácter hereditario, nesas mesmas datas.
O 19 de marzo de 1992, tras seis anos de matrimonio e varios escándalos amorosos, a parella anunciou a súa separación. En 1996 se oficializou o seu divorcio.