A vaga de calor podería volver deixar temperaturas históricas en Galicia
Repítese o aviso vermello na conca do Miño en Ourense e na comarca de Valdeorras
As temperaturas pola noite non baixaron dos 25 graos en boa parte do litoral atlántico
Récord histórico da temperatura da auga do Miño en Lugo, que acada os 26,4 graos
A vaga de calor non dá tregua e mantén en alerta case toda España
Á primeira hora da mañá as xanelas de moitos fogares galegos permanecían abertas. Foi, de novo, unha noite tropical que fixo difícil durmir. As temperaturas non baixaron durante a noite dos 20 graos en gran parte do territorio e quedaron por riba dos 25 en moitas localidades, sobre todo do litoral. Segundo os medidores de Meteogalicia, algúns puntos da costa atlántica galega superaban xa os 30 graos cos primeiros raios do día.
Este xoves de novo hai alerta vermella na conca do Miño, tanto en Ourense coma en Pontevedra, e en Valdeorras. Nestas zonas da provincia de Ourense as máximas poden superar os 42 graos, mentres que na de Pontevedra os 40.
Vinte e sete concellos ourensáns teñen activado o aviso vermello por altas temperaturas. Pero incluso para Ourense, é unha vaga de calor excepcional.
"Estamos alcanzando novas máximas absolutas históricas, e por tanto non é normal. Aínda que para eles poida ser normal 40º, pero 43 coma o outro día non é normal, é moito, porque hai que ter en conta que iso é a media", explica Dominic Royé, climatólogo e investigador da USC.
A esperanza é que comece a remitir de cara á fin de semana: a previsión é que o aviso baixe de vermello a laranxa tanto na conca do Miño como en Valdeorras.
Récord histórico da temperatura da auga do Miño en Lugo, que chega aos 26,4 graos
Dende primeira hora, o sol comezou a apertar en Lugo nunha nova xornada tórrida, con máximas previstas de 38 graos. Nin as persoas de idade máis avanzada lembran unha vaga de calor extrema que se prolongase durante tantos días coma esta.
Vai tanta calor que mesmo mudaron os hábitos dos lugueses. Nas horas centrais do día apenas hai xente pola rúas e as terrazas permanecen baleiras.
Mohammed Amernis, camareiro: "De feito, ímonos un pouquiño antes da hora porque non hai ninguén. A certas horas, polo mediodía ou ás catro da tarde, non se para. Non hai ninguén pola rúa. É horrible".
Debido ao intenso bochorno, son moitos os que buscan refrescarse nas piscinas ou no río. Sábeno no Club Fluvial, onde están a albergar case o dobre de xente ca outros anos.
Moncho Busto, directivo do club fluvial: "A afluencia respecto aos outros anos aumentou bastante, cunha media diaria dunhas 5.500 persoas. É moita xente, cando outros anos o normal era andar polos 3.000".
A auga do Miño tamén rexistra marcas históricas, con temperaturas superiores aos 26 graos ao seu paso por Lugo. Para os ecoloxistas, é un síntoma inequívoco do quecemento global.
Adela Figueroa, presidenta de Adega Lugo: "Non hai precedente na Terra do que está acontecendo agora. Nunca os desastres naturais alcanzaran tanta virulencia. Nos dez últimos anos disparouse un 43 por cento a cantidade de desastres ambientais. Por tanto, estamos poñendo o planeta en perigo. Hai que parar a carreira do desenvolvemento".
A temperatura que está a rexistrar o Miño é, de feito, máis propia dos ríos do Mediterráneo.