Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vacinación contra a covid en nenos de entre 5 e 11 anos comeza o 15 de decembro

A vacinación contra a covid en nenos de entre 5 e 11 anos comeza o 15 de decembro

Esa é a franxa de idade que acumula a maior incidencia de contaxios

Galicia vacinará con Pfizer en grandes recintos

Darias afirma que cada comunidade establecerá a modalidade de vacinación 

G24.gal 07/12/2021 12:17

A Comisión de Saúde Pública acordou este martes ampliar a vacinación contra a covid-19 a nenos entre os 5 e os 11 anos.

Así o acordou a comisión que reúne técnicos do Ministerio de Sanidade e das comunidades autónomas e que desde as 10:00 horas deste martes estuda a estratexia de vacinación nesta franxa de idade, a que acumula a maior incidencia acumulada de contaxios.

 

A Comisión de Saúde Pública aprobou a vacinación destas cohortes de idade, para diminuír a carga de enfermidade deste colectivo e a transmisión na contorna familiar, nos centros educativos e na comunidade.

A Comisión destaca a importancia de protexer aos menores destas idades non só da enfermidade na súa faceta aguda, senón tamén ante posibles afeccións a futuro e fronte á síndrome de covid persistente.

A chegada da primeira remesa de vacinas pediátricas a España está prevista para o próximo 13 de decembro e a repartición nas comunidades e cidades autónomas, como se fixo en toda a campaña de vacinación, farase de forma proporcional á súa poboación diana. 

Ademais, a Comisión de Saúde Pública, a instancia do Relatorio de Vacinas, decidiu que o intervalo de administración da segunda dose sexa a 8 semanas, para contribuír a incrementar a resposta inmune, así como para ter vacinados a todos os menores entre 5 e 11 anos nun curto espazo de tempo con polo menos unha dose.

Galicia vacinará con Pfizer en grandes recintos

O conselleiro de Sanidade afirmou este martes en Vigo que a vacina que se administrará aos nenos de entre 5 e 11 anos será a desenvolvida pola farmacéutica estadounidense Pfizer. Apuntou que se baralla priorizar aqueles que presenten patoloxías, tras o que as doses se administrarían por orde de idade, comezando cos maiores.

Julio García Comesaña resaltou que se organizará o proceso de vacinación deste colectivo en función do número de doses que se reciban, e apuntou que se baralla levalo a cabo nos grandes recintos.

Ademais, o conselleiro de Sanidade descartou que o proceso de vacinación dos nenos poida interferir co dos adultos.

Reforzar a inmunidade é a primeira arma para conter a sexta onda. Os nenos sen vacinar concentran precisamente as incidencias máis altas, 511 en Galicia, nese grupo de idade.

Nas áreas de Vigo e Ourense comeza a preocupar a presión asistencial."Se a situación hospitalaria segue a complicarse, non está descartado, nunca o estivo, tomar medidas para reducir esa presión asistencial", advertiu o Conselleiro de Sanidade.

A previsión da Consellería é que as incidencias sigan medrando e queda aínda avaliar o impacto da mobilidade e as xuntanzas desta ponte da Constitución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos