A UE non chega a un acordo para prohibir as compras de petróleo ruso
A UE non chega a un acordo para prohibir as compras de petróleo ruso
Os vinte e sete volverán reunirse esta semana para tentar achegar posturas
Países dependentes do cru de Moscova buscan garantías de subministración
Os países da Unión Europea foron incapaces de lograr este domingo un acordo para prohibir as importacións de petróleo de Rusia como resposta á guerra de Ucraína, polas dificultades que supón para algúns socios dependentes do cru de Moscova.
O encontro dos embaixadores dos vinte e sete ante a UE comezou aproximadamente ao mediodía e prolongouse durante unha hora e media, explican fontes diplomáticas, sen que as capitais europeas conseguisen desbloquear as reservas de países como Hungría, Eslovaquia ou a República Checa.
O embargo ao petróleo segue sendo a principal dificultade para sacar adiante o sexto paquete de represalias do bloque contra o Kremlin, malia a proposta orixinal da Comisión Europea, que establece un prazo xenérico de retirada que vai ata finais de ano. Ademais, dá un ano máis a Hungría e Eslovaquia pola súa dependencia nas importacións de cru ruso por oleoduto.
Durante as últimas horas acadáronse "avances moi importantes" sobre "a maioría dos elementos" que conforman o paquete, pero "queda traballo" para lograr o acordo, precisan as mesmas fontes.
En particular, sobre as garantías que buscan Budapest, Bratislava e Praga para aseguraren unha subministración suficiente deste hidrocarburo cando renuncien ao cru ruso, do que son moi dependentes.
O obxectivo do club europeo, por tanto, é proseguir cos contactos "a todos os niveis" a comezos da próxima semana para conseguir "o máis rapidamente posible" un acordo sobre o sexto paquete de sancións.
Proposta comunitaria
A proposta do executivo comunitario, presentada o mércores, aspira a prohibir as importacións de petróleo ruso na UE seis meses despois da entrada en vigor das sancións, mentres que no caso do petróleo refinado o prazo amplíase a oito meses.
No caso de Hungría e Eslovaquia, gozarían dun prazo maior, ata o 31 de decembro de 2023, pero a ambos os dous países parécelles curto e a eles uniuse tamén a República Checa, que pediu que fose de tres anos.
En todo caso, as sancións tamén vetarían toda posible asistencia técnica, directa ou indirecta, e todo servizo de intermediación, incluída a financeira e os seguros, que estean relacionados coa prohibición ao petróleo ruso.
Ademais, para evitar que os petroleiros rusos poidan esquivar as sancións, o texto pide prohibir o transporte de petróleo ruso en todas as súas modalidades, incluídas as transferencias de carga "de barco a barco" de naves rusas a cargueiros doutro pavillón.
Outras sancións
Doutra banda, Bruxelas propón engadir á lista de bancos rusos excluídos do sistema internacional de transaccións Swift a Sberbank, o maior do país, ao Banco Agrícola de Rusia, con participación do Estado no cen por cento, e ao Banco de Crédito de Moscova.
Bruxelas propuxo tamén sancionar individuos, como o coronel ruso coñecido como "o carniceiro de Bucha" ou o patriarca da Igrexa ortodoxa rusa, e unha vintena de empresas vinculadas ao Ministerio de Defensa ou o Exército ruso, e tamén a tres medios de comunicación.