A treboada deixa danos nunha vivenda de Ourense de máis de 50.000 euros
O propietario denuncia o mal estado da rúa e dos sumidoiros, que non absorben a auga
A riada estragou mobles, electrodomésticos e unha adega con viños de colección
O propietario da vivenda estima en 50.000 euros os danos que causou a treboada que caeu na tarde de onte. A auga entrou na súa vivenda con moita intensidade. Perdeu tres arcóns frigoríficos cheos de alimentos e todos os electrodomésticos que tiña na vivenda, como lavadora, secadora, cociña, neveira.
Ademais de multitude de obxectos persoais como discos, álbums de fotografías ou viños franceses de anadas específicas que agora sen as etiquetas perden o seu valor.
A auga entrou coma un río na vivenda de José Barros García, na avenida do Bierzo, no Barco de Valdeorras. Arrastrou todo o que colleu de paso e encheu de lama varias estancias.
José Barros García, propietario da vivenda afectada: "Toda a area e terra que había por aí arriba tupiu todo. E non colleu máis nivel porque tiven a precaución de tapar a porta cunhas chapas, se non, chegaría a auga ao nivel da rúa".
O propietario valora os danos nuns 50.000 euros. Arredor de 35.000, entre mobles e electrodomésticos: neveiras, conxeladores, unha cadea de música... e o resto en viño. A auga causou estragos nunha adega de coleccionista.
"Este é un chateaux de Bordeos de 1945. Calcúlalle como mínimo 18 ou 20.000 euros, porque cada botella destas custa 700 ou 800 euros", calcula Barros.
Explica que a riada veu cando xa parara de chover e atribúe a responsabilidade ás obras da rúa Bierzo, que leva máis dun ano levantada: "Iso foi o que provocou a inundación, porque vén un río por aí, de terra, lixo... Xa viches como ule a miña casa, a sumidoiro".
Di que é a cuarta vez que lle ocorre e que vai denunciar o Concello: "Imos avaliar cun perito todos os danos para presentar unha demanda contra o concello e, se se pode, contra o propio alcalde, porque leva anos prometendo que se vai solucionar e non se soluciona".
Explica que a casa se construíu hai 50 anos e que nunca tivera problemas ata agora.
O veciño asegura que as consecuencias foron catastróficas e bótalles a culpa ás obras que se están facendo na avenida. Asegura que os sumidoiros están cheos de materiais e que non foron capaces de recoller a gran cantidade de auga que caeu.
Dende o Consello Regulador tamén están valorando os danos que esta treboada lles ocasionou ás vides.