Publicador de contidos

Publicador de contidos

A transición que non transita, por María Bastida

OPINIÓN

A transición que non transita, por María Bastida

María Bastida 29/10/2025 07:45

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volve lembrarnos que a seguridade xurídica é un concepto de xeometría variable. Cando o Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmou este verán que o procedemento ambiental da Xunta era correcto, parecía que o vento empezaba a soprar a favor do sector eólico galego. Pero esta semana, os xuíces do TSXG decidiron anular igualmente o parque A Ruña III, en Mazaricos. Non polo que se preguntou a Europa, senón por outra cousa distinta. Noutras palabras, a tramitación aprobou o exame, pero o tribunal decidiu cambiar as preguntas.

O argumento subxacente na sentenza reside en que a declaración de impacto ambiental debía facerse de forma conxunta coa liña de evacuación eléctrica. En termos xurídicos, impecable. En termos económicos, devastador. Porque esa esixencia de “avaliación unitaria” converte cada proxecto nun labirinto sen saída: reiniciar trámites, refacer informes, volver consultar a todos os organismos e cruzar dedos para que ninguén atope un novo defecto formal. Na práctica, o equivalente regulatorio a tirar de freo de man cando o coche empeza a moverse. E o que é peor, facilitar que os outros vehículos na carreira comecen a sacar varios corpos de vantaxe.

A sentenza confirma que o poder xudicial galego exerce unha especie de tutela correctiva sobre a política enerxética autonómica. Onde a Xunta ve urxencia e oportunidade, o TSXG ve fragmentación e risco. O resultado é unha parálise revestida de virtude: cada investimento tropeza cun principio precautorio convertido en tapón estrutural. O paradoxo é que a transición verde, a gran prioridade económica de Europa, convive cun exceso de celo precisamente en nome da sustentabilidade. Avaliar conxuntamente parques e liñas soa razoable ata que se examinan os incentivos reais: en Galicia, os parques deséñanse con trazados de evacuación diferentes, operadores distintos e horizontes temporais desaliñados. Obrigar a avalialos coma se fosen unha soa cousa é, sinxelamente, non entender como funciona o investimento enerxético.

O preocupante non é só o efecto inmediato sobre A Ruña III, senón a mensaxe que envía o fallo: aínda que cumpras o que dita Europa, pode haber outra trampa pendente no regulamento. É a institucionalización da incerteza. O investidor xa non sabe se o risco está no mercado, na norma ou na sala do contencioso. En última instancia, este caso simboliza unha cultura política e administrativa que confunde garantismo con parálise, e precaución con inacción. Ninguén discute a necesidade de protexer o territorio, pero hai unha diferenza entre velar polo medio ambiente e converter a protección nun sistema autodefensivo que bloquea calquera avance. Galicia leva anos debatendo sobre o equilibrio entre paisaxe e desenvolvemento, pero mentres seguimos discutindo onde colocar as torres, o futuro enerxético está a levantarse noutro sitio.

O que subxace nesta sentenza é unha tensión entre dúas formas de entender a sustentabilidade: unha, administrativa e conservadora, obsesionada co procedemento; outra, económica e transformadora, centrada no resultado. E, de momento, gaña a primeira. E mentres a xurisprudencia entretense en calibrar cada parafuso, o vento -literalmente- escápallenos entre as mans.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade