A tenista Serena Williams, premio Princesa de Asturias dos Deportes 2025
Foi elixida entre 30 candidaturas de 13 nacionalidades
É a segunda deportista da 'era Open' con máis títulos nos catro grandes torneos, só superada por Novak Djokovic
No ditame, o xurado destacou o seu palmarés e o seu compromiso na loita pola igualdade

A tenista estadounidense Serena Williams, gañadora de 73 títulos individuais, entre eles 23 Grand Slam e 4 ouros olímpicos, foi galardoada co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2025. O xurado leu o ditame este mércores ás 12:00 horas no salón Regenta do Hotel Barceló Cervantes, en Oviedo.
Este é o quinto dos oito galardóns internacionais que convoca este ano a Fundación Princesa de Asturias e que cumpren con esta a súa XLV edición. A este premio optaban un total de 30 candidaturas de 13 nacionalidades.
Considerada como unha das grandes tenistas da historia, Williams (Michigan, 1981) gañou o seu primeiro título no Aberto dos Estados Unidos en 1999 e deixou o tenis 23 anos despois, en setembro do 2022, tras conquistar 73 títulos e 23 'grandes', así como a medalla de ouro individual en Londres e en dobres en Sydney, Pequín e Londres.
Williams bateu varios récords no tenis feminino, sendo a segunda deportista da 'era Open' con máis títulos nos catro grandes torneos, só superada por Novak Djokovic.
Williams empezou a xogar ao tenis con cinco anos, baixo as indicacións do seu pai e adestrador, en compañía da súa irmá Venus, tamén tenista.
Un palmarés incuestionable
A tenista posúe un "palmarés incuestionable" froito dunha "extraordinaria" carreira, segundo destacou o xurado que este mércores lle outorgou o galardón.
Williams gaña en 1999 o seu primeiro título da WTA (Women's Tennis Association) no Open Gaz de Francia e o seu primeiro título Grand Slam no Aberto de Estados Unidos. No 2000 debuta nos Xogos de Sydney, onde logra a súa primeira medalla de ouro olímpica en dobres.
Serena encabezou a clasificación individual por primeira vez en 2002, e no 2003, logrou en doce meses os catro títulos de Grand Slam.
Nos Xogos Olímpicos de Londres en 2012, conseguiu o seu primeiro ouro individual, e ao ano seguinte marcou un fito ao converterse na tenista de máis idade que máis tempo encabezaba a clasificación da WTA desde 1975.
En 2016, logra as 308 vitorias en Grand Slam, superando o ata entón mellor rexistro de todos os tempos, as 307 de Roger Federer. O ano seguinte converteuse, con 35 anos, na tenista de máis idade en gañar un Grand Slam individual na 'era Open'.
Nomeada, entre 2002 e 2015, seis veces campioa do mundo pola Federación Internacional de Tenis, Serena Williams tamén foi galardoada co Premio Laureus á Mellor Deportista do Ano en catro ocasiones (2003, 2010, 2016 e 2018) e co Laureus ao Regreso do Ano (2007), entre moitos outros recoñecementos.
Firme defensora da igualdade
Ademais da súa "extraordinaria carreira deportiva e a súa mentalidade competitiva", o xurado tamén destacou que Williams foi sempre "unha firme defensora da igualdade de xénero e de oportunidades entre homes e mulleres no deporte e, en xeral, na sociedade".
Comprometida coa defensa da igualdade na educación e a axuda ás vítimas da violencia, dedícalles recursos a través de The Serena Williams Foundation, coa que fixo escolas de secundaria en Quenia e Xamaica; do The Williams Sisters Fund, que creou en 2016 coa súa irmá, e do Yetunde Price Resource Center, que leva o nome da súa irmá Yetunde, falecida en 2003.