A taxa de paro cae ao 12,48 % tras gañar o mercado laboral 383.300 ocupados
A taxa de paro cae ao 12,48 % tras gañar o mercado laboral 383.300 ocupados
O crecemento da ocupación sustentouse no emprego indefinido, que aumentou en 616.700 persoas mentres que o temporal se reduciu en 241.300
O desemprego diminuíu en 255.300 persoas, ata situar o total de parados en 2.919.400 persoas. En Galicia tamén baixou o paro, en 1.600 persoas
O mercado laboral gañou 383.300 ocupados durante o segundo trimestre do ano, ata situar o total nos 20.468.000, mentres que o desemprego se reduciu e deixou a taxa de paro no 12,48 %, a máis baixa desde finais de 2008.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística, o crecemento da ocupación sustentouse no emprego indefinido, que aumentou en 616.700 persoas, mentres que o temporal se reduciu en 241.300.
O desemprego diminuíu en 255.300 persoas, ata situar o total de parados en 2.919.400 persoas, baixando dos tres millóns por primeira vez desde 2008.
En Galicia, a taxa de paro segue máis baixa que a media, máis dun punto. Aínda que no segundo trimestre baixou o paro sete veces menos, en 1.600 persoas. O número de desempregados queda algo por baixo dos 140.000 e a taxa no 11,2. No noso país creáronse case 14.000 empregos, superando o 1.100.000 ocupados e aproximándonos ao récord histórico do verán de 2008.
Esta EPA é a primeira que se publica coa reforma laboral vixente por completo e nótase nas contratacións indefinidas. Aumentaron en máis de 600.000, ao tempo que baixa a contratación temporal. Agora supón o 22 % do total e marca mínimo histórico.