Publicador de contidos

Publicador de contidos

A superinmunidade axudará a sortear mellor as vindeiras ondas da covid

A superinmunidade axudará a sortear mellor as vindeiras ondas da covid

Expertos en inmunoloxía describen unha inmunidade híbrida, máis potente, grazas á mestura de vacinas e ao gran número de infectados por ómicron

G24.gal 11/02/2022 14:16

Un cambio de etapa na pandemia podería chegar en cuestión de dúas ou tres semanas, cando baixen as incidencias. É a mensaxe que chega hoxe desde o Centro de Coordinación de Alertas que dirixe Fernando Simón; unha opinión que avalan expertos de diferentes disciplinas.

Sempre con cautela e vixilancia para detectar a entrada de variantes que poidan ser máis virulentas, a maioría dos científicos cren que o escenario cambiará para ben. En boa medida polo que denominan a "superinmunidade". Case medio millón de galegos pasaron a enfermidade. 2,3 millóns están xa vacinados e máis dun 70 % reforzados ademais con vacinas diferentes. 

"Esa inmunidade híbrida seguramente vai facer que teñan unha resposta máis potente. Eu poño o exemplo de que o noso sistema inmunitario é coma un exército con distintos soldados. Pois se somos capaces de chamar máis soldados con vacinas un pouco diferentes, teremos unha resposta máis completa", explica a inmunóloga África.
 

Axudará tamén que o inverno vai quedar atrás.

"A medida que as temperaturas vaian subindo imos facer máis actividade no exterior, e iso tamén vai contribuír a reducir os contaxios", engade Alberto Ruano, profesor de medicina preventiva da USC.
 

E suman o argumento dos grandes avances tamén en farmacoloxía.

"Nestes dous anos aprendemos moito da enfermidade, somos quen de sacar adiante as persoas hospitalizadas e moitos dos hospitalizados están menos graves que antes, antes precisaban intubación e agora non é así".
 

Sopra vento a favor, pero os expertos insisten en que o futuro da pandemia depende sobre todo do noso comportamento.

"Estamos a avanzar na boa dirección, pero non podemos tampouco deixar de ser prudentes. De feito só erradicamos no mundo un virus, que é a varíola. Estabamos a piques de logralo con sarampelo, pero os movementos antivacinas fixeron que estea rexurdindo cando en moitas zonas estaban xa moi controlado", lamentan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade