A Sociedade Galega de Pediatría fai unha chamada á tranquillidade ante os gromos de escarlatina
A Sociedade Galega de Pediatría fai unha chamada á tranquillidade ante os gromos de escarlatina
Explican que se trata dunha enfermidade habitual, que remite con antibióticos e que case nunca produce cadros graves
A súa repunta débese exclusivamente aos efectos do uso prolongado da máscara
Van centos de casos rexistrados, só na área sanitaria de Santiago e gromos en centros escolares de toda Galicia, pero ningunha razón para a alarma, segundo os pediatras. A escarlatina é hoxe en día unha infección común, causada polo estreptococo A. E a súa repunta débese ao mesmo ca o resto das infeccións infantís: a que os nenos máis pequenos tiñan desadestrado o sistema inmune polas burbullas e a máscara.
"Sobre todo os nenos de máis curta idade a partir dos dous anos de vida. Os pais o que van dicir é que estivo cun cadro de mocos, tose, febre alta e que despois empezou con eses grans na pel, que ao tacto son un pouco ásperos", explica Susana Rey, presidenta da Sociedade Galega de Pediatría.
O diagnóstico é doado e confírmase con tests en poucos minutos. O importante é sempre tratar a infección, neste caso con antibióticos, por prescrición facultativa.
"No 99 % dos casos hai unha evolución favorable que non precisa hospitalización e un tratamento domiciliario", engade Susana Rey, presidenta da Sociedade Galega de Pediatría.
Algo rutineiro para calquera pediatra. Explican ademais que é menos contaxiosa que a gripe. Non é preciso illamento, pero si que os nenos queden na casa, para coidarse mellor e non transmitir, e que eviten estar preto de meniños moi pequenos, que son os que poden ter máis complicacións.