A socialista Fátima Abal deixa a alcaldía de Cambados por motivos de sáude
Samuel Lago, concelleiro de Servizos, toma a remuda como rexedor
Segue como concelleira de Muller, Igualdade, Educación, Diversidade e Mar
Despois de seis anos e medio como alcaldesa, Fátima Abal confirmou este sábado a súa retirada, aínda que manifestou a intención de seguir como concelleira de Muller, Igualdade, Educación, Diversidade e Mar ata as próximas municipais.
Insistiu en que o fai por motivos de saúde e que nunca entendeu a política como profesión. Di que se retira orgullosa do pobo que representou este tempo.
"Anuncio que dou un paso atrás e que renuncio á alcaldía de Cambados despois de seis anos e medio de goberno, moi intensos no que culminei unha etapa e un traballo que permitiu non só cambiar moitas cousas deste concello, senón tamén de rumbo. Sempre atendín dereitos lexítimos da xente, moitas veces dereitos que levaban moitos anos sen atender. A política para min, en resumo, é unha ocupación temporal. Tíveno claro desde o primeiro día. É o corpo o que nos marca os ritmos e os límites e non a cabeza. E é certo que estou tendo algunhas complicacións para poder recuperarme por completo."
Confirmaba así unha nova que xa transcendera nos últimos días e que xa lles comunicara aos seus compañeiros do partido socialista.
O próximo 15 de xaneiro Samuel Lago, ata o de agora concelleiro de Obras e Servizos, tomará a remuda á fronte da corporación.