Céltiga e Cambados logran o ascenso á Terceira Federación
O equipo da Illa de Arousa eliminou o Atios con máis sufrimento do agardado cun global de 4-2
O Cambados volve despois de 27 anos logo de derrotar o Beluso na quenda de penaltis
O Céltiga e o Xuventude de Cambados xogarán a vindeira temporada na Terceira Federación. O equipo da Illa de Arousa chegaba ao partido de volta cunha vantaxe ampla colleitada na ida (0-2) pero aos quince minutos de partido un dobrete de Edu Otero facía que o Atios igualase a eliminatoria. Antes do descanso empatou Adrián Rodríguez que repetiu mediado o segundo tempo poñendo o que sería definitivo empate a dous (4-2 no global). Desde 2019 non estaba o Céltiga na Terceira División despois de varias campañas con proxectos ambiciosos.
O Xuventude de Cambados acabou con 27 anos fóra da Terceira RFEF nunha agónica eliminatoria diante do Beluso. Logo do empate (1-1) da ida o equipo de Bueu púxose por diante na eliminatoria cun gol de Abraham Coello. No segundo tempo empatou o cadro amarelo grazas ao tanto de Ramón. O partido acabou dese xeito e na prórroga tampouco se moveu o marcador. Na quenda de penaltis o propio Ramón fallou o primeiro lanzamento dun Cambados que foi a remolque ata o cuarto tiro do Beluso. O equipo local fallou dous penaltis seguidos (Coello e Paredes) e o que non perdoou foi o capitán Deko que devolve ao Cambados a unha categoría na que non estaba desde 1998.