Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sementeira de millo acada cifras récord

A sementeira de millo acada cifras récord

A súa rendibilidade e o incremento do prezo dos pensos fai que cada ano aumente nun 2 % a superficie de cultivo

A campaña deste ano comezou cedo, en abril, e prevén rematala na vindeira semana

G24.gal 26/05/2023 13:51

Estamos na recta final da campaña de sementeira de millo, nun ano en que se prevé que será de récord. Cada vez son máis os gandeiros que apostan por aumentar o cultivo desta gramínea como alimento para o gando. A superficie dedicada a este cultivo medra de media un 2 % cada ano. 

Últimos días de moito traballo para rematar a campaña da sementeira do millo no agro galego. Unha campaña irregular que comezou xa no mes de abril.

"Está sendo unha campaña atípica porque se comezou a sementar moi preto e logo, puntualmente, comezou a chover que nos fixo parar, pero pouco tempo", explica Pablo Amado, delegado comercial dunha empresa de venda de sementes. "Outros anos estariamos agora en pico de sementeira, pero contamos de rematar para a vindeira semana".

É un dos traballos agrícolas máis importantes, que levan a cabo as explotacións gandeiras, pois o millo é o principal alimento do gando e cada ano a superficie dedicada a este cultivo aumenta unha media dun 2 %.

"Aumenta pola súa rendibilidade para o gandeiro. O millo é un alimento que é a base da alimentación da cabana gandeira porque achega moita enerxía, algunha proteína e fibra", indica Pablo Amado. 

Santa Comba, Mazaricos, Trazo, Tordoia ou a comarca de Ordes son algunhas das zonas onde o clutivo desta gramínea está a aumentar cada ano. 

O custo por quilo obtido de millo está sobre os 2 e 3 céntimos e medio

Unha vaca leiteira pode consumir ata 40 quilos de ensilado de millo ao día, e o custo por quilo obtido está sobre os 2 e 3 céntimos e medio. Custos que son razoables fronte ao encarecemento dos pensos.

Con todo di que só "se pode trocar parte de penso por parte de forraxe de silo de millo" e engade Pablo Amado que esa cantidade podería ser maior "mediante o gran húmido, no que só se ensila o gran do millo e iso si que o pode substituír". 

As cifras de produción por hectárea oscilan entre as 40 ou 50 toneladas, pero podería baixar en fincas puntuais a 30.000 por hectárea".

Con todo, hai que agardar ata o mes de setembro, momento en que se levará a cabo a recolleita e ensilado, para ver os froitos do intenso traballo destes días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade