A selección de Alicia Fernández remonta diante de Croacia e estará no Mundial de balonmán
España precisaba gañar por dous goles de diferenza e acabou impoñéndose por 23-17
A selección española feminina de balonmán xogará o vindeiro Mundial que se vai xogar en Alemaña e os Países Baixos a partir do 27 de novembro de 2025. Precisaba gañar España por máis dun gol de diferenza diante de Croacia despois da derrota por 27-26 no partido de ida e conseguiron as xogadoras de Ambros Martín unha diferenza de seis tantos (23-17).
O partido caracterizouse polas fortes defensas de ámbolos dous equipos. Marcar goles custaba moito e ao descanso o marcador mantiña a emoción co 9-7 a prol das españolas. A xogadora de Valdoviño Alicia Fernández volveu liderar con tino o ataque e estivo infalible desde os sete metros marcando os tres que intentou.
Na segunda parte a diferenza aumentou e consolidouse nos cinco goles, algo que lle deu máis tranquilidade ao combinado español. Destacou a porteira Merche Castellanos, designada como a mellor xogadora do partido.