A Seguridade Social permitiralles aumentar a xornada laboral aos xubilados que volvan traballar
A proposta trata de incentivar a xubilación flexible
Actualmente a xornada parcial oscila entre o 50 e o 75 %
O Goberno reunise con patronal e os sindicatos no marco do acordo das pensións alcanzado en xullo de 2024

A Seguridade Social expúxolles aos axentes sociais unha proposta para incentivar a xubilación flexible, permitindo aos xubilados que queiran volver traballar aumentar a xornada parcial a realizar, que actualmente oscila entre o 50 % e o 75 %.
O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reuniuse este luns coa patronal e os sindicatos para avanzar no desenvolvemento do acordo de pensións alcanzado o 31 de xullo de 2024.
Entre os asuntos abordados están as melloras na xubilación flexible, tal e como explica en declaracións aos medios a secretaria executiva de UXT Cristina Estévez, co obxectivo de incentivar esta modalidade de xubilación que permite volver traballar a unha persoa que se xubilou e que comezou a percibir unha pensión.
Segundo detalla Estévez, actualmente apenas están acollidas á xubilación flexible unhas 3.000 persoas, o cal fai esta modalidade practicamente inexistente porque non é moi atractiva.
Na mesa deste luns abordáronse tamén outras cuestións como os coeficientes redutores da idade de xubilación, unha vez que o Consello de Estado está apunto de emitir o informe preceptivo, algo que se espera para finais deste mes ou principios de maio.