Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ángela Rodríguez pide desculpas polo ton sobre a rebaixa de condenas a violadores

Ángela Rodríguez pide desculpas polo ton sobre a rebaixa de condenas a violadores

G24.gal 13/01/2023 14:43 Última actualización 14/01/2023 08:58

A secretaria de Estado de Igualdade pediu, nunha entrevista concedida á TVG,  perdón tras a polémica provocada por unha intervención súa nun foro de Podemos. "Pido todas as desculpas que sexan precisas á xente que non lle poida gustar este ton", asegurou Ángela Rodríguez, ao tempo que insiste en que non estaba frivolizando sobre a rebaixa de condenas a agresores sexuais.

A número dous do ministerio de Igualdade afirma que "en ningún caso faría mofa da situación dunha muller, dunha vítima" e apunta a "unha manipulación" da súa intervención. Na súa opinión, "as feministas estamos moi acostumadas a que o noso traballo quede reducido moitas veces a estes boatos".

As explicacións non convencen o PP, que segue pedindo o seu cesamento. Elías Bendodo, coordinador xeral do PP, cre que o presidente do Goberno "vai tarde" en pedirlle a súa dimisión e "en modificar esta lei tan daniña para miles de mulleres".

 A secretaria de Estado de Igualdade estivo hoxe na Estrada, nunhas xornadas sobre diversidade sexual.A ese acto cancelou a súa asistencia a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella. Comunicouno nunha rede social, explicando que "o seu sentido da xustiza é incompatible con mofarse da rebaixa das penas a delincuentes sexuais". López Abella pedía tamén o cesamento de Ángela Rodríguez.


Ángela Rodríguez conta co apoio de Podemos e da ministra de Igualdade, pero non co do PSOE. Dende o partido, a responsable de Igualdade, Andrea Fernández, cre que "debe rectificar" porque foron "palabras inapropiadas, que non estivo nada ben o que dixo".

Tamén a ala socialista do Goberno reclama unha rectificación. A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, cre que "esas declaracións cualifícanse por si mesmas e teñen que ser rectificadas canto antes", pero evita pronunciarse sobre un eventual cesamento da secretaria de Estado.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade