Publicador de contidos

Publicador de contidos

A seca xa obriga a carrexar auga e moitas vilas restrinxen a subministración

A seca xa obriga a carrexar auga e moitas vilas restrinxen a subministración

En Malpica a auga non é apta para o consumo e en Guntín algúns veciños xa sofren os cortes na subministración

Ribadavia é o único concello de España en máxima alerta por seca

G24.gal 15/08/2022 14:13 Última actualización 15/08/2022 21:57

O concello de Malpica tivo que cortar a subministración de auga debido a que a que saía da billa non era apta para o consumo. Detrás deste problema, agravado por estar na ponte do quince de agosto, está o asunto da seca e o baixas que están as reservas locais de auga,

Así, os veciños pasean pola vila con botellas de auga para beber e cociñar. Levan tres días de restricións ao consumo despois de que as análises da auga da traída determinaran que non é apta. Hai auga en baños e duchas e tamén se pode utilizar para a limpeza.

O concello organizou un dispositivo de abastecemento. Os veciños acoden aos puntos de subministración habilitados no centro urbano e nas parroquias para recoller  as botellas.

A situación xa mellorou nas últimas horas despois de facer unha limpeza nos colectores. Os técnicos de sanidade volverán recoller mañá novas mostras da auga e, se resultan favorables os veciños poderán volver consumir a auga da billa. E todo ás portas dos días grandes das festas de Malpica.

Cortes en Guntín

Tamén teñen problemas coa auga da traída en Guntín. Varias parroquias están a sufrir xa cortes intermitentes no servizo porque o concello non dá abastecido todo o consumo da veciñanza.

E é que na provincia de Lugo a seca non só afecta aos concellos do sur, onde están en alerta máxima. En Guntín os pementos son unha beizón propia das hortas, pero para podelos regar un pouco, algún veciño axúdase de almacenar algo de auga da que non vén da traída.

En Piñeiras outros veciños amosan como está de seco o millo. Nesta parroquia aínda non tiveron cortes da traída, pero se a seca continúa a situación complícase. Na parroquia de Lousada si que hai cortes.

Polo de agora os cortes son intermitentes. Dende o Concello piden extremar a responsabilidade no uso da auga, porque ao problema do bombeo pola altura á que están algunhas localidades súmase o feito de que hai máis consumo que subministración, polo que se insisten en que non se derrame este ben tan prezado enchendo piscinas, regando hortas a feito ou lavando os coches.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade