Publicador de contidos

Publicador de contidos

A seca golpea o sector gandeiro na comarca do Deza e dificulta a súa situación

A seca golpea o sector gandeiro na comarca do Deza e dificulta a súa situación

O encarecemento da luz e dos pensos xa empeorara as condicións de negocio das explotacións

G24.gal 02/09/2022 16:15

Os gandeiros da comarca do Deza sofren problemas pola seca. Manter o gando supón un consumo diario de auga moi elevado.

O que moita xente non sabe é que unha vaca de leite en produción necesita beber ata 150 litros de auga ao día no verán. Unha auga que tamén é fundamental para outro tipo de ganderías, como o porcino ou a avicultura.

A maioría das granxas adoitan contar con pozos propios, pero é que a seca deste ano está a afectar mesmo a captación de moitos pozos particulares. Un problema máis que se suma á suba da alimentación e doutros custos como o da electricidade.

Máis aló das perdas da seca nos cultivos, a falta de auga comeza a ameazar o día a día das granxas, para necesidades tan básicas como a da limpeza e sobre todo para darlle de beber ao gando.

Jesús Manteiga, presidente de AFRICOR Pontevedra: "Coa auga faise a limpeza, o animais beben e unha vaca en plena produción no verán coa calor igual chega aos 200 litros día."

"O consumo medio por porco é o 10 por cento do seu peso corporal, se un porco pesa 100 quilos consome 10 litros de auga ao día. Unha porca reprodutora que pesa 250 litros consome 25 litros de auga ao día", explica Pablo Meijomín, presidente da Federación Galega de Porcino.

Os pozos non abondan

A maioría das granxas contan con pozos propios, pero moitos mananciais xa están a quedar sen auga pola seca de todo o ano.

"Xa empeza a haber granxas que están cos pozos ao mínimo, incluso están barallando a opción de levar auga en cisternas, o que pasa é que tampouco hai a posibilidade de cargar a auga das cisternas en moitos sitios, as granxas están lonxe dos núcleos e de zonas onde se poidan cargar as cisternas", indica Meijomín.

Sobre esta problemática, di Manteiga que "é inviable" para explotacións grandes. "Con 110,115 vacas en muxidura, se tiras só da traída estamos falando de que gastas 40, 50.000 litros ao día", di.

Os custos de produción, en aumento

O presidente de AFRICOR Pontevedra lamenta a suba nos prezos, que sumada á seca, dificulta a situación no sector: "A luz, non sei de dobrar ou triplicar, pero máis do dobre si. Os pensos pasaron de 25, 26 céntimos a 47, 48, agora acábanme de anunciar unha subida para setembro de 2 céntimos máis."

Coincide na diagnose Pablo Meijomín: "O tema dos pensos xa o vimos arrastrando desde o ano pasado, a verdade, é o principal custo na produción de porcino, vén sendo o 75 por cento e duplicouse. O tema da electricidade pasamos de facturas, se antes pagabamos nunha granxa de reprodutoras 1.500, agora estamos pagando 6.000 ao mes".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade