A Sarriana colle unha suculenta vantaxe para a volta (2-0)
Os locais foron superiores ao Estradense na ida da final galega de ascenso á 2ª RFEF
A Sarriana colleu unha vantaxe de dous goles no partido de ida da final galega de ascenso á Segunda Federación. O Estradense estivo por debaixo do seu rival que defenderá o resultado o vindeiro sábado (19:00 horas) coas cámaras da G2.
Desde o comezo estivo máis metido o equipo local que conseguiu adiantarse grazas a un manobra do senegalés Arona Sané no primeiro tempo. O propio Sané e Diego Rey puideron ampliar a vantaxe antes do descanso. Na segunda metade o Estradense botouse ao ataque, pero apenas inquietou a portería de Pirot. Pola contra a Sarriana gozou das mellores oportunidades. Javi Piay puido marcar o segundo cun remate que se estrelou contra a escuadra e dous minutos máis tarde culminou unha xogada en que Boedo realizou unha grande asistencia co calcaño.