A residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña recrea o roubo do Louvre para o Entroido
Unha iniciativa chea de humor con investigación policial incluída
Con camisetas a raias, gorros negros e antefaces presumen de protagonizar un dos roubos máis espectaculares e sonados dos últimos tempos: o do Museo do Louvre.
"Hai moitos ladróns e roubaron unhas xoias. E onde? Aquí"
E non só a policía lles segue a pista. Inspiradas na figura do inspector Gadget un grupo de detectives agoira que este caso "imos resolvelo nós co 'gadgeto pinganillo' ".
Entre o público buscan os culpables do roubo da colección das xoias da Coroa francesa, valoradas en millóns de euros.
"As xoias non sei quen as levou. Desapareceron, pero non sei quen". E aparece unha culpable: "Dixéronme que era eu".
Unha actividade ambientada en París e preparada durante semanas pola comunidade da residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña.
"Todos eles colaboran dunha forma activa na celebración do evento e en todo o que conlevou".
Nesta ocasión o único delito demostrable semella ser a ilusión e o bo humor.