Postais de Nadal para combater a soidade no centro de maiores de Campolongo
O director da residencia da terceira idade lamentaba nunha carta a soidade que viven moitas persoas usuarias
Solicitaba que lles enviasen felicitacións de Nadal e, ata o momento, recibiron máis de 200 postais
Máis de 200 cartas con mensaxes de agarimo chegaron xa á residencia de maiores de Campolongo en Pontevedra.
“De todos os sitios: de Valencia, de Alacante, de Santander… Hai moitas chamadas que me din que van vir de Granada, de Sevilla...”, explica Juan José López, director da residencia
“De Finlandia, di a prensa que chegaron ata de Finlandia", explica Julio González, usuario da residencia.
É a resposta a unha carta que o director do centro mandou aos seus contactos de Whatsapp e que acabou por facerse viral. Nela lamentaba a soidade de moitas persoas maiores que non reciben as visitas das súas familias.
“Gústame que veñan a visitar os maiores, eu estou ben pero outros non poden andar. Están sós, hai veces que pasan meses sen que veña ninguén da familia. Hai que pedir un pouco máis de atención para as persoas maiores, que necesitan cariño e apoio", di Manuel Sanmartín, usuario da residencia.
“Iso doéme, que as familias non saiban que unha prioridade necesaria é estar aquí. Se son cinco minutos, mira que ben, e se son dez, pois mellor. Sei que é difícil vir todos os días a ver o teu pai, a túa nai ou a túa avoa", explica o director da residencia.
O día 24 abrirán todas as cartas e postais. A idea é contestalas unha por unha para dar as grazas. As felicitacións non só chegaron por correo. Un grupo musical de Cádiz mandou un vídeo cunha panxoliña para felicitarlles o Nadal.