Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os hospitais galegos recuperan a normalidade: case 600 intervencións cirúrxicas malia o apagamento

Os hospitais galegos recuperan a normalidade: case 600 intervencións cirúrxicas malia o apagamento

Laboratorios e centros de atención primaria sofren atrasos debidos a incidencias informáticas e nas telecomunicacións

As residencias de maiores recuperan a normalidade sen incidencias significativas

Receitas en papel e sistemas eléctricos autónomos permitiron manter o servizo farmacéutico

G24.gal 29/04/2025 14:47

Os hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizaron o luns, día do apagamento na península Ibérica, un total de 598 intervencións cirúrxicas, mentres que outras 264 "de carácter non urxente" tivéronse que suspender. A área sanitaria máis afectada foi a da Coruña-Cee, con 83 operacións que houbo que aprazar, seguida da de Santiago-Barbanza (69) e Vigo (69).

Son datos que ofrece a Xunta nun comunicado emitido na tarde deste martes, xornada na que os hospitais e os centros de atención primaria xa están a volver á normalidade, retomando a súa actividade común pero condicionada polo corte de luz e a caída de aplicacións informáticas e as telecomunicacións, o cal provoca atrasos e deficiencias no servizo.

En todo caso, tal e como ratificaban a Europa Press pola mañá fontes dos sindicatos e traballadores, "en todas as áreas sanitarias está a atenderse con carácter preferente" as situacións marcadas como prioridade 1 e as intervencións urxentes.

Neste contexto, a Consellería de Sanidade traballa "para recuperar plenamente as funcionalidades da historia clínica electrónica", que aínda rexistra incidencias pola desconexión sufrida o luns.

Sanidade "agradece a responsabilidade da cidadanía e recoñece o esforzo de todo o persoal" do Sergas "que fixo posible manter a asistencia en todo momento a pesar das extraordinarias dificultades".

As principais incidencias producidas nas primeiras horas desde que volveu a luz tiveron que ver cos sistemas informáticos e cos laboratorios, debido aos problemas sufridos polas telecomunicacións.

Mentres tanto, os centros de atención primaria galegos están a atender citas este martes con relativa normalidade, á vez que priorizan se chegan situacións urxentes e pacientes que precisan cargar os aparellos respiratorios.

Os accesos ao CHUAC por coche si sufriron atascos á primeira hora e tamén houbo atrasos nos laboratorios debido a unha incidencia co grupo electróxeno no que está situado no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, sempre segundo fontes sindicais.

En canto ás urxencias da Coruña, acudiron "sobre 80" pacientes que precisaban recarga nos seus respiradores.

Situación similar viven os centros sanitarios da área de Vigo, onde "xa se está traballando con normalidade en todo o urxente e non demorable". O luns, tanto centros de primaria como hospitais "atendían as urxencias que entraban pola porta como podían".

En Lugo, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) puido empezar a súa volta á normalidade ás 18.00 horas da tarde do luns, moito antes que a maior parte de Galicia. "Saíuse bastante ben do paso", sinalan a Europa Press fontes sindicais.

Nos hospitais da área de Santiago-O Barbanza, nos que se priorizou a actividade máis urxente, puido darse asistencia con xeradores propios

As residencias de maiores recuperan a normalidade sen incidencias significativas

As residencias de maiores recuperan a normalidade "aos poucos" sen incidencias significativas, máis aló das propias xeradas polo corte da subministración eléctrica, tanto nas privadas como nas públicas, ratificaron representantes sindicais pero tamén desde a Xunta.

"Á primeira hora da mañá algúns centros estaban sen auga quente e moitos non temos aínda restablecida a conexión telefónica", manifestou a Ana  Domato, responsable da CIG en residencias e centros de día e do Servizo de Axuda no Hogar (SAF) na comarca da Coruña.
Tamén explicou que o luns nos centros grandes non houbo "grandes problemas" porque a maior parte teñen xerador propio.

Fronte a iso, sinalou que "moitas residencias das pequenas e máis illadas" que non dispoñen del o escenario foi "precario", sobre todo para usuarios encamados ou dependentes de osíxeno. Tamén apuntou que se derivou xente a centros hospitalarios.

"A precariedade asistencial que nós vivimos nos centros de traballo nun momento destes vese moito máis agudizada", lamentou Domato, quen, sobre os centros de día indicou que onte tiveron que pechar e que pola mañá aínda había "moitos pechados".

En similares termos, a responsable do sector de residencias privadas na comarca de Ferrol pola CIG, Beatriz Fernández.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade