A reserva de auga nos encoros galegos está no 55,9 %
Na conca Miño-Sil a situación dos encoros é do 53,2 % da súa capacidade
Na demarcación Galicia-Costa o nivel das presas está no 68,1%
Preocupan algúns encoros da zona sur de Galicia como o de Zamáns en Vigo ou o de Baiona. Os dous están por debaixo dos niveis que había no 2017, o ano da última seca, unha das máis graves da serie histórica. Na conca Galicia-Costa os ríos levan un 35 % menos de auga que o ano pasado.
Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, alerta "case todos os encoros están por debaixo da situación do ano pasado, a maioría dez puntos menos que o ano pasado. Pero hai dous que nos preocupan, o encoro de Zamáns, vinte puntos por debaixo do ano pasado e o de Baiona, 12 puntos menos que o ano pasado".
Na conca Miño-Sil a situación non é mellor, cun 41 % de auga do que é habitual nos ríos. A seca prolongada é preocupante no inicio do verán, meses con alto consumo de agua e unha estación previsiblemente seca.
"Agora que vén o verán, que a poboación aumenta ten que haber concienciación de que hai unha seca. Sempre hai que usar a auga de forma sostible pero agora con máis razón" afirma Carlos Guillermo Ruiz del Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS.
Este é o ano hidrolóxico máis seco dende que hai rexistros. Así os niveis dos encoros en Galicia están no 55,9 %. Na conca do Miño-Sil a situación é do 53,2 % da súa capacidade e na demarcación Galicia-Costa do 68,1 %.