A raza autóctona can de palleiro, en perigo de extinción, rexorde en Galicia
A raza can de palleiro estivo a piques de desaparecer, pero hoxe en día xa hai arredor de 2.400 exemplares
O Club Raza Can de Palleiro traballa para continuar coa recuperación da raza, que segue en perigo de extinción
A familia da raza can de palleiro medra. Unha noticia que celebran no club que traballa desde hai anos para recuperar a raza autóctona.
"No ano 27 facemos 25 anos e estamos e franca melloría e franca recuperación. Comezamos o noso labor con 100 ou 150 cans e agora estamos nuns 2.400. Deles, 1.000 recuperáronse nos últimos seis anos", conta Daniel Conde, presidente do Club Raza Can de Palleiro.
Malia esta boa evolución, o can de palleiro segue en perigo de extinción. Por iso, a chegada de camadas como a que ten José María é tan importante. El é un dos firmes defensores da raza.
"É moi fiel, obediente, gústalle aprender, protexe moito o dono e o territorio e non é agresiva, é dócil"
Unhas cualidades que confirman no Club Raza Can de Palleiro, que ten uns retos ambiciosos.
Daniel Conde, presidente do Club de Raza Can de Palleiro: "O retos son que o can de palleiro volva ser maioritario en Galicia. Agora mellorou moito a concepción do can de palleiro, sentímonos moito máis orgullosos da nosa razas, pero queremos que o can volva ás granxas".
No club cren que o can de palleiro debe volver ás súas orixes, pero tamén lembran que o seu caráter fai que sexa valorado como guía, para terapias e mesmo para colaborar coas forzas de seguridade.