Publicador de contidos

Publicador de contidos

A quinta xornada de folga paraliza o transporte de viaxeiros na provincia da Coruña

A quinta xornada de folga paraliza o transporte de viaxeiros na provincia da Coruña

A xornada comezou sen servizos mínimos, que non puideron saír das cocheiras

Os sindicatos anuncian folga indefinida dende o 2 de febreiro se non avanza a negociación do convenio provincial

Concentración de protesta diante das cocheiras en Santiago
G24.gal 12/01/2026 14:24

A quinta xornada de folga no transporte de viaxeiros baleirou as estacións de autobuses da provincia. "En Santiago parou o cen por cento, e na Coruña, Carballo e Ferrol o seguimento foi similar", explica Nacho Pavón, voceiro da CIG. Nin os servizos mínimos puideron saír das cocheiras: en Santiago non houbo autobuses urbanos nin transporte escolar. 

De fondo, a negociación do convenio colectivo provincial, que leva caducado dende 2020. Os traballadores reivindican "xornadas máis curtas, medidas de conciliación e melloras no salario", resume Isabel Teixeira, representante de CCOO. 

A negociación está paralizada. A patronal levantouse da mesa despois da súa última oferta: unha suba do 2 %. "Non é nin o IPC, que quedou nun 2,9 %", explica Óscar Ramos, da UXT. "Se che pagan por baixo do que sobe a vida, mal", conclúe.

Os sindicatos pedían -nun principio- unha suba mínima dun punto e medio por riba do IPC. Pero agora advirten que, tras 5 días de folga, "o conflito vai saír máis caro aínda do que podía ser se negociaran", di Pavón.

Sen perspectiva de achegar posicións en canto ao salario, tampouco chegaran aínda a falar de horarios ou dereitos sociais. Queren medidas que lles permitan conciliar. "Traballamos 1.816 horas ao ano, hai xente que traballa 15 horas ao día", explica Hugo Antunes, delegado de persoal do servizo de transporte urbano de Santiago. "Xente que non sabe o que vai facer ata o día anterior ás oito da tarde, non saben se mañá están en Santiago ou en Madrid, así é imposible conciliar", conclúe. 

De momento teñen convocados paros luns, martes e venres ata o 23 de xaneiro. Se non hai avances, a folga será indefinida a partir do 2 de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade