Publicador de contidos

Publicador de contidos

A provincia de Ourense é a zona de maior incidencia da leishmaniose en España

A provincia de Ourense é a zona de maior incidencia da leishmaniose en España

G24.gal 24/05/2022 21:22

Ourense é a provincia española cunha maior incidencia da leishmaniose. A enfermidade, que afecta sobre todo aos cans, ten especial prevalencia de maio a setembro. Así son algúns dos seus síntomas mais habituais:

"Arredor dos ollos empeza a caer o pelo, quedan como unhas lentes. Nas orellas e no fociño tamén. Á outra cadela que tiven caeulle ata un pedazo do fociño. Tívena a tratamento cinco anos, pero finalmente morreu".

É unha enfermidade transmitida por mosquitos contaminados por un parasito. Non supón un problema para as persoas, pero si pode selo para os animais, especialmente para os cans. Na provincia de Ourense o seu nivel de incidencia escala ata os primeiros postos de toda España.

"Hai bibliografía que apunta a que entre os cans da provincia de Ourense hai unha prevalencia do 37 por cento, que é altísima. Ourense sitúase á cabeza en España xunto a outras zonas, como o Mediterráneo, Madrid ou Baleares." Conta Juan José Gómez, que preside o Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

A climatoloxía, con temperaturas cada vez algo máis cálidas, e as masas de auga doce como os ríos favorecen a presenza de mosquitos, algúns contaminados co parasito da leishmaniose, que son os que transmiten a enfermidade ao picaren outro ser vivo. O diagnóstico precoz e o tratamento en fases iniciais resultan fundamentais, din os expertos, para atallar unha enfermidade que pode resultar letal para os animais. 

"O noso can xa o adoptamos sabendo que tiña leishmaniose. Démoslle o tratamento e foi moi ben, leva con nós tres anos e o can tan normal. Témoslle que dar unhas pastillas de cando en cando e nada máis".

As vacinas e medidas preventivas como as pipetas, os colares antiparasitarios e os repelentes son algunhas das que recomendan para evitar a enfermidade. Tamén facer un test cando se detecta algún síntoma.  Lembran ademais que na época de maior incidencia, entre maio e setembro, é recomendable non pasear os cans ao amencer nin no solpor, que é cando hai unha maior presenza de mosquitos.                                                                                                            

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade