A primeira voadura impulsa os traballos para a chegada do tren ao porto exterior da Coruña
As obras teñen previsto a finalización en 2026, aínda que o primeiro dos túneles agárdase que estea listo en 2024
Comezaron as voaduras para facer o túnel do tren que chegará ao porto exterior da Coruña. O Goberno anunciou esta mañá que o enlace ferroviario de Punta Langosteira vaise rematar antes do previsto, en xuño de 2026.
Unhas obras que xa están en marcha e que non só van servir para captar novos tráficos, senón tamén para mellorar a competitividade das empresas que alí se instalen.
Son 123 millóns de euros para un proxecto moi demandado. Será unha liña de mercadorías cunha velocidade máxima de 100 quilómetros por hora que contará con tres túneles con 6.659 metros de vía, cuxo prazo de execución é de catro anos, ata o primeiro semestre de 2026, aínda que o primeiro dos túneles debe estar terminado en 2024.
Durante a supervisión das obras nun acto con máis de media hora de atraso este venres, o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez, explicou que este xoves se realizou a primeira voadura das obras deste primeiro túnel.
Destacou que máis da metade de mercadorías que transportan os ferrocarrís españois teñen a súa orixe en portos, polo que considera que é fundamental a "intermodalidade marítima ferroviaria".
A secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, incidiu na necesidade de ter un bo "posicionamento" das infraestruturas españolas a nivel internacional.
"É unha obra dun impacto estratéxico e dun calado que vai beneficiar a Europa, a España, a Galicia e a Portugal", proseguiu.
De feito, opinou que a "actividade económica" debe ir ligada ao "futuro do territorio", unha cuestión que pensa que se cumpre en Punta Langosteira co proxecto supervisado hoxe.
Trátase dun "proxecto que emociona" no que destaca a "lealdade" entre institucións tras tempo de "abandono", pois afirmou que cando chegou ao Ministerio estaba paralizado e foi posible impulsalo.
Púxoo como "exemplo" de como se deben planificar e executar as actuacións, con cooperación e coordinación.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que esta actuación "garante a viabilidade económica do porto".
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que estas obras mellorarán o potencial portuario.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, agradeceu a colaboración entre institucións para que se materialice esta obra que a Xunta demanda desde hai anos.
Coas infraestruturas necesarias, o porto exterior da Coruña confía en poder captar novas mercadorías e ao mesmo tempo ser máis competitivo.