Publicador de contidos

Publicador de contidos

A prensa lusa di que a Policía topou probas no Algarve do caso Madeleine

A prensa lusa di que a Policía topou probas no Algarve do caso Madeleine

Axentes do Reino Unido, Alemaña e Portugal volveron examinar o encoro de Arade, en Silves, rastrexado en 2008

A fiscalía xermana asegura ter indicios sólidos de que Christian Brueckner se desfixo do corpo da menor neste lugar

Dispositivo policial no encoro de Arade
G24.gal 27/05/2023 17:31 Última actualización 27/05/2023 18:22

Ao longo desta semana, reactivouse un dos casos máis mediáticos da historia lusa: a desaparición de Madeleine McCann, hai 16 anos. 

O luns a Policía Xudicial acordoou o perímetro do encoro de Arade, a uns 50 quilómetros do lugar de vacacións da familia McCann cando foi secuestrada a súa filla de 3 anos.

O martes, comezaron as pescudas, que puxeron o foco nos bosques e nas beiras do encoro, sen incorporar mergulladores especializados. Malia que se prevía rematar en dous días, o mal tempo e a aparición de indicios fixeron estender as tarefas até o xoves.

Traballaron con ferramentas lixeiras e xeorradares para extraer mostras de terra e outros materiais. Todas se enviarán a Alemaña para a súa análise.

A investigación comezou a petición da fiscalía xermana, que asegura ter indicios sólidos de que foi neste encoro onde o cidadán alemán Christian Brueckner se desfixo da menor, á que se dá por morta.

Único sospeitoso

Desde o 2022 Christian Brueckner, de 43 anos, agresor sexual reincidente, posuidor de pornografía infantil e traficante de drogas, delito polo que cumpre condena en Alemaña, está sendo investigado formalmente pola desaparición de Madeleine McCann. 

Agora, en 2023, policías alemáns, portugueses e británicos buscan algún vestixio no encoro de Arade, a 50 quilómetros do complexo turístico da praia da Luz onde desaparecera en 2007 a pequena de 3 anos e que xa fora rastrexado en 2008. 

O fiscal alemán que activou esta nova busca dixo que non podía descubrir por que están buscando nesa zona en concreto nin que agardan atopar.

O que si transcendeu é que o único sospeitoso arestora paraba na contorna dese encoro pola data en que faltou Madeleine. Aparcaba a caravana nun punto que chamaba "o pequeno paraíso".

A BBC asegura que nos tres días que durou este operativo, que acaba de rematar, recolleron distintas mostras na zona onde instalaron cinco puntos de control. 

Polo momento, haberá que seguir agardando, pero reporteiros locais apuntan a probas valiosas, a diferenza do último rastrexo do encoro, en 2008.

Cronoloxía

O caso da desaparición de Madeleine McCan foi e volveu nestes dezaseis anos, pero sempre estivo nos medios. Nunha instrución inacabable investigaron un veciño británico, os propios pais, os mediáticos Gerry e Kate.

No medio, o xefe da investigación policial portuguesa, que despois escribiu un libro sobre o caso que retirou a xustiza, renunciou ao cargo.

Arquivaron a causa, abrírona en 2009 coa mediación na petición de David Cameron e Scotland Yard acabou por revisar o caso desde cero.

Neste tempo, vimos tamén moitas fotos da hipotética evolución do rastro da desaparecida Madeleine McCann.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade