Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Policía reforzará a vixilancia en Pontevedra tras o acoitelamento de tres mozos nunha liorta

A Policía reforzará a vixilancia en Pontevedra tras o acoitelamento de tres mozos nunha liorta

Hai catro persoas detidas e unha quinta identificada que pasarán a disposición xudicial entre o xoves e o venres 

Un dos tres feridos continúa hospitalizado en estado grave e outro foi trasladado a Santiago con prognóstico reservado

O delegado do Goberno descarta que as pelexas urbanas sexan obra de bandas organizadas

G24.gal 04/06/2025 12:32

A Policía Nacional vai despregar, "de maneira inmediata", un dispositivo de vixilancia na praza pontevedresa de Barcelos tras a liorta da semana pasada que deixou tres mozos feridos por arma branca. 

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra informou de que hai catro persoas detidas e unha quinta identificada e pendente de ser arrestada. Os detidos pasarán a disposición xudicial entre o xoves e o venres.

Mentres, un dos tres mozos feridos apuñalados na liorta segue ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra en estado grave. Outra das vítimas ten feridas leves; e o terceiro apuñalado foi trasladado ao hospital de Santiago de Compostela con prognóstico reservado.

Tanto os tres apuñalados como os catro detidos por esta agresión terían entre 20 e 25 anos, segundo fontes da investigación.

Un foco de conflitividade e trapicheo

Foi unha testemuña quen alertou as autoridades ao presenciar a pelexa e advertir que polo menos dous dos mozos quedaran feridos de arma branca sobre as seis da tarde de onte na praza de Barcelos, á beira do parque infantil e das pistas de baloncesto.

Abel Losada recoñece que "ao redor das canchas de baloncesto detectouse un foco de conflitividade e mesmo de trapicheo de drogas" e recalca que "Imos estar enriba da situación".

Malia o ocorrido, o subdelegado defende que "Pontevedra é unha cidade extremadamente segura" e lembra que no primeiro cuadrimestre deste ano as estatísticas oficiais mostran unha baixada dun 6,18 % nos delitos penais.

O delegado do Goberno descarta que as pelexas urbanas sexan obra de bandas organizadas

Desde a Delegación do Goberno en Galicia descartan que as pelexas rexistradas estes días en Pontevedra ou Ferrol sexan obra de bandas organizadas. O delegado, Pedro Blanco, cualifícaas de "incidentes illados",  e considera que hai que tratar estes sucesos con mesura  

Blanco lembra que, segundo os datos policiais, Galicia é a terceira comunidade máis segura de España e unha das máis seguras de Europa.

Por mor desta pelexa, o sindicato policial SUP urxiu a creación da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra e a declaración de profesión de risco dos axentes. O subdelegado criticou "o oportunismo do sindicato" e asegura que "a petición chega tarde".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade