Deteñen tres supostos autores de 18 roubos en vivendas de Ourense e Vigo
A Policía Nacional explica que marcaban as vivendas, introducindo anacos de papel nas pechaduras para asegurarse de que os propietarios non estaban

Desartellado un grupo criminal de cidadáns de Europa do Leste que se dedicaban a asaltar vivendas en Ourense e Vigo. Tres homes que xa ingresaron en prisión acusados de dezaoito delitos de roubos con forza en domicilios e integración en grupo criminal.
Dez dos roubos foron na Semana Santa, outros oito no mes de xullo, todos nas cidades de Vigo e Ourense. Tratábase dun grupo itinerante que mesmo chegaba a abandonar España durante meses entre os distintos asaltos.
Tamén se desprazaban con frecuencia a Madrid e Barcelona para cambiar de vehículos e contactar con coñecidos.
Antes dos roubos marcaban as vivendas, introducindo anacos de papel nas pechaduras para asegurarse de que os propietarios estaban de vacacións. Unha vez dentro levaban as xoias, reloxos e os cartos que atopaban.