A policía investiga dous futbolistas de Ourense pola malleira de Vigo
Un dos mozos xoga nun equipo de categoría Preferente e foi apartado temporalmente dos adestramentos
A coordinación entre a Policía Xudicial de Vigo e a comisaría de Ourense permitiu avanzar na investigación sobre a brutal malleira propinada a dous mozos, no centro da cidade olívica, na madrugada do 30 de xaneiro.
Tras descartar o primeiro sospeitoso, un home de 32 anos que estivo arrestado durante máis de dous días, os axentes puxeron o foco en Ourense. Alí lograron identificar, con nomes e apelidos, dous mozos, xogadores de fútbol, como presuntos autores da agresión.
Un deles, supostamente o que ten un papel máis activo nas imaxes, milita nun equipo da Preferente Sur galega. El nega ser o autor da agresión, pero a dirección do club optou por apartalo temporalmente dos adestramentos mentres non se esclarezan os feitos.
Ao parecer, este mozo, de 26 anos, é tamén monitor deportivo e ten coñecementos de artes marciais, algo que xa sospeitaba a policía. Aquela fin de semana non xogou, xa que estaba sancionado e canda el, estaría aquela noite en Vigo outro futbolista dun club da provincia de Ourense de inferior categoría.
Enfróntanse a cargos por lesións e intento de homicidio. Se prospera a investigación, poderían ser detidos en cuestión de días ou horas.