A Policía desmantela dous puntos de venda de drogas en Lugo e tres na Coruña
A Policía Nacional detivo tres persoas en Lugo e cinco na Coruña

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron tres persoas en dúas operacións diferentes que permitiron desmantelar outros tantos puntos de venda de drogas na cidade de Lugo.
Segundo a información facilitada este xoves pola Policía Nacional, ambas as operacións foron desenvoltas con intervencións nos puntos de venda de drogas na zona das Fontiñas e no barrio da Milagrosa.
Despois da investigación realizada, os axentes encargados de ambos os casos comprobaron que nesas dúas zonas da cidade estaban a funcionar, efectivamente, dous puntos de venda de drogas polo miúdo.
Ademais, determinaron que eran dous puntos de venda de estupefacientes independentes, cuxos responsables non tiñan relación entre eles. Completada a investigación, dúas persoas foron arrestadas na operación das Fontiñas e outra, na Milagrosa.
No transcurso das mesmas foron intervidas preto de oitenta doses de cocaína, varias balanzas de precisión, teléfonos móbiles, catrocentos euros e diversos obxectos e substancias para a manipulación da droga.
Tamén na Coruña
Segundo informou este xoves o 091, a operación iniciouse no barrio coruñés dos Mallos, despois de que varios veciños alertaran da posible existencia de puntos de venda de droga polo miúdo.
Os axentes do Grupo de Estupefacientes de UDYCO-A Coruña lograron identificar tres puntos en pisos situados nas rúas Ramón Cabanillas, Vizcaya e Sacra Familia, existindo relación entre eles.
Este mércores 21 de maio procedeuse á entrada case simultánea nos tres inmobles, onde foron detidos tres homes e dúas mulleres como supostos autores de delitos contra a saúde pública.
Nos rexistros domiciliarios, os policías incautáronse de diñeiro en efectivo, armas prohibidas, utensilios para manipular a droga e algunha substancia estupefaciente disposta para a súa venda, así como dous patinetes eléctricos que os detidos utilizaban para realizar entregas na cidade.
Os cinco detidos formaban parte dunha rede que dispoñía destes pisos, nos cales se vendía e consumía droga.
O 091 indica que cortaban a droga engadíndolle gran cantidade de produtos de corte para obter máis rendibilidade, o que aumenta o seu perigo e efecto nocivo para a saúde.