A Plataforma Pensionistas Compostela mobilízase polo futuro das xubilacións
Reclaman que as pensións mínimas se equiparen ao salario mínimo interprofesional
A escalada dos prezos déixase sentir en todos os petos, pero especialmente en colectivos como o dos pensionistas.
"A cesta da compra subiu moitísimo e para os que temos un salario baixo é imposible".
A plataforma Pensionistas Compostela leva cinco anos reclamando melloras no sistema público de pensións.
"Temos moi claro que se non estivésemos na rúa, esta reforma sería moito peor. Non se atreveron con nós porque somos moitos, pero os futuros aínda non chegaron".
Por iso anuncian que seguirán na rúa. Entre as súas demandas está a de equiparar a pensión mínima ao salario mínimo interprofesional.
"Estamos satisfeitos de que as pensións se revaloricen un 8,5 %, pero con esta suba non quere dicirse que se vai cubrir a perda de poder adquisitivo".
Tras esta concentración na praza do Obradoiro, a Plataforma Pensionistas Compostela volverá mobilizarse o próximo día 23 para seguir defendendo os seus dereitos e os das futuras xeracións de xubilados.